Lidia Senra expresou o compromiso de AGE de traballar dende o Parlamento Europeo pola defensa dos servizos públicos

Publicado por o día 23/05/2014 na sección de Anova,Esquerda Unida,Política

Lidia Senra expresou o compromiso de AGE de traballar dende o Parlamento Europeo pola defensa dos servizos públicos

  Alternativa Galega de Esquerda en Europa denunciou hoxe en Vigo que megainfraestructuras como a do novo hospital son un exemplo do “mal facer” do bipartidismo e da troika

  A candidata de Alternativa Galega de Esquerda ao Parlamento Europeo, Lidia Senra, e a deputada de AGE Eva Solla participaron esta mañá en Vigo nun acto para denunciar a privatización dos servizos públicos.

 Diante das obras do novo hospital de Vigo, “exemplo do mal emprego dos cartos públicos e das privatizacións que están acabando cos orzamentos sanitarios e do mal facer do bipartidismo e da troika” deuse lectura a un decálogo –adxunto nesta nova-, no que se expresa o compromiso da formación na defensa dos servizos públicos, reivindicando o peso da loita social no conquerimento do dereito á saúde pública e gratuíta, ó benestar, á educación e á cultura.

 “A nosa liña de traballo no Parlamento Europeo será de compromiso claro ca loita para que a cidadanía galega poida dispoñer de servizos públicos, de calidade, gratuítos e de acceso universal”, subliñou Senra, “así como loitar para que se anule a débeda contraída polo Estado español para pagar os desperfectos causados pola banca”, xa que “se os orzamentos seguen tendo a prioridade de pagar a débeda non só se seguirán desmantelando os servizos públicos senón que seguirán abrindo as portas á privatización”.

Ademais, Senra destacou que un dos aspectos máis controvertidos do tratado de libre comercio que se está a negociar entre a UE e EEUU é “o establecemento da irreversibilidade das privatizacións, o que faría moi difícil que algún goberno puidera voltar recuperar aqueles servizos que sexan privatizados nalgún momento”.

Neste senso, a deputada Eva Solla presentou o texto como “un compromiso da nosa coalición cos servizos públicos, ca reversión da privatización de servizos que estamos a sufrir toda a cidadanía, e compromiso tamén de loitar contra a implementación do tratado de libre comercio que de ser aprobado suporá a privatización de todos os servizos públicos.”

Solla denunciou tamén a modificación do Artigo 135 da Constitución, “que prioriza os pagos á banca en lugar dos servizos públicos, que está propiciando que hospitais como o de Vigo estean sendo privatizados en troques de ser do pobo e para o pobo.”

Valoración da campaña

Consultada polos medios de comunicación ao respeito da súa valoración da campaña electoral, a candidata de AGE á Eurocámara evaluou tamén positivamente a campaña no relativo a coñecer máis fondamente algunhas das demandas e loitas dos colectivos sociais da Galiza, así como o calor e participación ca que se foron desenvolvendo os actos públicos.

Na parte negativa, Senra criticou “o apagón informativo que se pretendeu facer desta campaña, tanto por parte dos grandes medios de comunicación como pola decisión da Junta Electoral Central de establecer a prohibición da chamada directa ao voto na propaganda institucional elaborada polo Parlamento Europeo.”