Lídia Senra demanda maior control e seguimento no emprego de lodos de depuradora na agricultura

A UE está a modificar os procesos a través dos que concretar as obrigas de notificación das políticas medioambientais adoptadas polos Estados
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de AGE,Política

Lídia Senra demanda maior control e seguimento no emprego de lodos de depuradora na agricultura

Lídia Senra presentou hoxe un total de 15 emendas ao proxecto final do informe  sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á adaptación das obrigas de notificación no ámbito da política de medio ambiente – polo que se modificarán as Directivas 86/278/CEE, 2002/49/CE, 2004/35/CE, 2007/2/CE, 2009/147/CE y 2010/63/UE, os Regulamentos (CE) n.º 166/2006 e (UE) n.º 995/2010, e os Regulamentos (CE) n.º 338/97 e (CE) n.º 2173/2005 do Consello-. Varias das achegas rexistradas enfocáronse na Directiva 86/278/CEE, relativa á protección do medio ambiente e, en particular, dos solos, cando se utilizan lodos de depuradora na agricultura.

Responsábel no seguimento deste informe para todo o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) dende a Comisión de Agricultura, entre outras consideracións a galega subliñou cas súas emendas a necesidade dunha cooperación máis eficaz entre institucións comunitarias, demandando que a Comisión presente cada dous anos ao Parlamento Europeo e ao Consello propostas que garantan unha maior protección dos solos e do medio ambiente.

Indo a cuestións directamente relacionadas cas pautas de emprego de lodos na actividade agrícola, ao tempo que lembrou a necesidade de respectar os prazos estipulados entre a aplicación dos lodos e o acondicionamento das leiras, Senra solicita a prohibición do emprego destes lodos nos cultivos hortícolas e de froitas durante o período de vexetación.

Tamén demanda que calquera tipo de autorización para o emprego agrícola de lodos de depuradora estea supeditado á garantía de que as persoas usuarias dispoñan previamente dunha formación axeitada, avalada e supervisada polas administracións. “Pedimos que sexa necesario contar cun carné expedido pola administración competente”, concretou.

Ademais, a coordenadora do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural incidiu cas súas emendas na necesidade imprescindíbel de controlar a calidade dos alimentos resultantes: “É fundamental que, ademais de tódolos controis e precaucións previas, aqueles alimentos de orixe animal ou vexetal procedentes de chans onde se utilicen lodos de depuradora sexan sometidos a unha completa análise de residuos de metais pesados antes de proceder á súa comercialización”.

 Asemade, na liña de apostar por ferramentas propias que permitan á Comisión Europea verificar o correcto cumprimento das directivas, defendida a pasada semana durante o debate mantido na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, a eurodeputada galega reiterou a pertinencia de que a Comisión Europea dispoña das ferramentas precisas para realizar inspeccións, de xeito que conte con información propia para contrastar os datos facilitados polos Estados membro.