Lidia Senra denuncia na CE que na Illa de Ons falta persoal e os medios cos que contan son escasos

A eurodeputada recolle as demandas do persoal da Illa que asegura que é insuficiente en Ons, e tamén en Sálvora e Cortegada. Os medios cos que traballa o persoal son escasos e están en pésimas condicións
Publicado por o día 15/08/2017 na sección de AGE,Galicia,Política

Lidia Senra denuncia na CE que na Illa de Ons falta persoal e os medios cos que contan son escasos

Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante a Comisión Europea, por segunda vez este verán, deficiencias no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.  Esta  denuncia refírese ao pouco persoal e aos poucos medios cos que contan.

Na illa de Ons hai 3 funcionarios e 3 laborais durante todo o ano, quedando en ocasións unha soa persoa traballadora na Illa, co risco que este feito supón.  En Sálvora e Cortegada, só hai un laboral por quenda. As contratacións que se fan acostuman ser de TRAGSA, que ofrece brigadas de incendios, pero estas brigadas asumen competencias que non lles corresponden. Non se cobren as baixas. Tampouco dispoñen de convenio propio. Polo que respecta aos medios, son escasos e están en pésimas condicións para realizar o traballo.

No escrito presentado,  noméanse tamén outras carencias ou prácticas pouco axeitadas: Masificación na época estival, convocatorias de prácticas deportivas  en época de cría de aves nunha zona de especial sensibilidade, voluntariado que pretende suplir a falta de persoal pero  que provoca  máis traballo para o persoal existente.

Ante esta situación, o persoal reclama máis efectivos e máis medios para que se cumpran as bases de protección ambiental nun espazo tan sensible coma este. Senra pídelle a CE que se pronuncie sobre o tema, instándoa a que, á vista destes datos, se interese ante as autoridades da Xunta para solventar esta situación, posto que a xestión do Parque é a súa responsabilidade.  A Comisión Europea debería  dar resposta a este escrito de Lidia Senra nun prazo de entre 4 e  6 semanas.