Lídia Senra denuncia na UE o proxecto mineiro de Erimsa que elimina postos de traballo na comarca de Ordes

Rexistra escrito preguntándolle á Comisión Europea se as explotacións de Xanceda perderían axudas da PAC e certificacións ecolóxicas
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de AGE,Medio Ambiente,Política,Vigo

Lídia Senra denuncia na UE o proxecto mineiro de Erimsa que elimina postos de traballo na comarca de Ordes

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar no Parlamento Europeo o proxecto mineiro de extracción de seixo que pretende levar a cabo a empresa norueguesa Erimsa na comarca de Ordes e que afectaría na súa maior parte e na fase inicial a Xanceda, no concello de Mesía. Concretamente, Senra rexistrou esta semana en Bruxelas un escrito dirixido á Comisión Europea (CE) no que lle pregunta ao organismo comunitario se “coñece o risco que supón este proxecto para os centos de produtores e produtoras agrícolas e gandeiros que hai na comarca?”. Senra valora que os 8 postos de traballo temporais que promete Erimsa para levar a cabo este proxecto non compensan en absoluto comparado coas 6.721 hectáreas afectadas de terreos agrarios e forestais e as 200 granxas que empregan a 500 persoas e que se verían tamén afectadas no caso de ir adiante o proxecto completo de extracción de seixo e de investigación pensado por Erimsa para os municipios de Frades, Mesía, Oroso e Ordes.

Lídia Senra explícalle á Comisión Europea que moitas das explotacións agro gandeiras da zona que se poderían ver afectadas pola ansia mineira de Erimsa perciben pagos da Política Agraria Común (PAC). Algunhas delas incluso teñen certificación de produción ecolóxica. “Poderían estas granxas perder estas axudas e estas certificacións por este proxecto?”, pregúntalle a parlamentaria á CE, co obxectivo de poder valorar mellor as perdas que ocasionaría para os donos das granxas que Erimsa entrase nos seus terreos para extraer seixo.

O proxecto de extracción de seixo contemplado por Erimsa na zona –actualmente está en fase de exposición pública por parte da Xunta de Galiza– sería en fincas a ceo aberto, escavando até unha profundidade de 2,5 metros, e facendo un posterior recheo das zonas afectadas coa terra pero xa sen o mineral, o que implicaría deixar os terreos inservibles para a actividade gandeira e agraria, xa que sen o mineral, os prados non volverán producir forraxe ao 100% até pasados uns 8 anos como mínimo. “É posible que un proxecto como este poida obter unha avaliación de impacto ambiental positiva tendo en conta a modificación que vai provocar na estrutura dos solos e a importancia destes para a loita contra o cambio climático?”, pregúntalle Senra á Comisión.

Por outro lado Senra denuncia “o servilismo da  Xunta de Galicia que non dubida nin un so minuto en poñer en risco centos de empregos directos e indirectos nin en arruinar o futuro da comarca de Ordes para poñer a terra a disposición dunha multinacional como Erimsa que co seu proxecto ademais de destruír emprego, ataca o medio ambiente e contribúe a agravar o cambio climático”.

Segundo o que adoita ser habitual, a Comisión Europea debería ditar unha resposta por escrito a estas cuestións formuladas por Lídia Senra nun prazo de entre 4 e 6 semanas aproximadamente.