Lídia Senra denuncia, á vista dos Orzamentos de 2017, que o Estado volve aprazar o saneamento da ría do Burgo

Recolle a preocupación de mariñeiros e mariscadores da Coruña, ante o anuncio de que no Proxecto dos Presupostos Xerais deste ano só se inclúe unha partida de 1 millón de euros, cando o dragado custa máis de 46
Por o 06/04/2017 | Sección: AGE,Galicia,Medio Ambiente,Política,Vigo
Lídia Senra denuncia, á vista dos Orzamentos de 2017, que o Estado volve aprazar o saneamento da ría do Burgo

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denuncia que o Goberno do Estado español pretende, unha vez máis, aprazar o máis que necesario e urxente saneamento integral da ría do Burgo, á vista do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentado esta semana e que inclúe unha “irrisoria” partida de 1 millón de euros para os traballos da rexeneración da zona este ano, ademais de retrasar novamente a previsión do Ministerio de Medio Ambiente de conclusión dos traballos, fixándoa agora no 2020. “A este ritmo, no 2020 tampouco estará concluída a rexeneración da ría”, lamenta Senra, quen hoxe pola mañá recolleu a preocupación que lle trasladaron mariñeiros e mariñeiras e mariscadores e mariscadoras da Confraría da Coruña ante esta situación.

“Con estes Orzamentos, o Goberno o que está a facer é seguir alongando e alongando os prazos para non arranxar a situación nin facer nada”, dixo Senra, que lembra que o proxecto de saneamento integral da ría do Burgo, que comezou no 2013, foi financiado pola UE co obxectivo de recuperar a ría ante a elevada contaminación que padece, os problemas nos fondos e de lodos e o consecuente perigo para a saúde pública. A maiores están as graves perdas económicas e de postos de traballo. Non obstante, actualmente, o proxecto de dragado, orzado polo propio Goberno do Estado español en máis de 46 millóns de euros, aínda non foi posto en marcha, xa que as partidas que aproba cada ano para destinar ao proxecto pendente son ínfimas, e mentres tanto a mortandade do marisco é elevadísima, deixando aos mariscadores e mariscadoras sen o seu medio de vida.

A eurodeputada galega considera “inaceptable” esta situación e anuncia que seguirá a denunciar ante a UE a pasividade que están a manter as Administracións estatal e galegas ante a alarma na que se atopa a ría do Burgo. Non en van, a finais de febreiro, Lídia Senra rexistrou en Bruxelas unha pregunta dirixida á Comisión Europea na que propoñía destinar partidas por lucro cesante para as persoas mariscadoras e mariñeiras mentres non se drague a ría e non poidan case saír faenar. “Ante a pasividade do Goberno estatal e galego, a UE debe facer un seguimento dos fondos europeos que se están a destinar supostamente a esta zona e obrigar a que se realice o dragado da ría, porque a realidade é que non se está a realizar”, defendeu Senra. “Trátase de vontade política, non de que a UE poña máis sancións económicas por non sanear as nosas rías, xa que ao final esas sancións non arranxan o problema e pagámolas todas e todos. En lugar de tanto sancionar, obriguen a facer o saneamento”, insistiu.

A pregunta rexistrada na CE por Lídia Senra aínda non tivo resposta e a eurodeputada agardará a que o organismo comunitario se pronuncie sobre o asunto –debería facelo nas próximas semanas- para decidir como continuar a dar a batalla.

A situación de contaminación e lodos que padece a ría do Burgo provoca que de 7 quilos que se lle permiten coller aos mariñeiros e mariscadores, están extraendo 2 habitualmente e que dos 2000 traballadores e traballadoras que había nos anos 80 nesta zona, hoxe en día quedan traballando na ría do Burgo só 100. A confraría da Coruña calcula que cunha ría ben limpa e dragada, a ría do Burgo daría para aumentar 300 postos de traballo máis, é dicir, podería haber 400 postos de traballo, non 100 como hai agora.