Lídia Senra denuncia que a Xunta está abrindo pistas nos montes queimados sen que se saiba para que son

O deputado galego Davide Rodríguez, a estatal Alexandra Fernández e a europarlamentaria piden abordar os lumes desde unha perspectiva global que aposte por un territorio ordenado e un rural vivo
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de AGE,En Marea,Política

Lídia Senra denuncia que a Xunta está abrindo pistas nos montes queimados sen que se saiba para que son

A eurodeputada galega Lídia Senra, acompañada pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Alexandra Fernández, e o deputado de En Marea no Parlamento galego Davide Rodríguez, ofreceron este venres pola mañá unha rolda de prensa en Santiago para facer balance das respostas dadas pola Administración galega e estatal ante os incendios forestais acontecidos na última semana. Os tres coincidiron en tachar de “irresponsable” que se estea a dicir que estamos ante un fenómeno de terrorismo incendiario organizado, cando non hai ningún dato detrás que avale esta tese, e reclamaron que a Xunta faga “autocrítica” e se poñan en marcha medidas urxente que aborden o problema dos incendios forestais de maneira global e que aposten por unha ordenación territorial sostible, un cambio de política forestal e un rural vivo. Tamén criticaron a descoordinación no servizo de extinción e a falta de persoal a tempo. 

Lídia Senra chamou a reflexionar e quixo denunciar o que está pasando nos días despois dos incendios. “Gustaríame que desde a Xunta lle expliquen á cidadanía e sobre todo ás persoas que viven nos lugares onde ardeu, cal é a razón pola que se está usando diñeiro público esta semana para abrir pistas polo medio dos montes queimados que ninguén pediu nin sabe para que son. Para apagar o lume non son, porque xa está todo ardido, e é unha irresponsabilidade grandísima meter maquinaria pesada polo medio dos terreos queimados e pechar os camiños tradicionais. Que intereses hai detrás de abrir estas pistas, sen preguntar a ninguén, entrando nas fincas dos particulares sen pedir permiso?”, preguntouse. Tamén instou á Xunta a que explique como vai afrontar a desfeita de patrimonio que se levou a cabo.

“Levamos moitos anos cos lumes, escoitando facer propostas, vendo como aumenta o diñeiro para apagar os incendios, e iso non soluciona o problema, porque senón non asistiriamos a feitos da gravidade desta semana”, dixo, para chamar a “abordar a cuestión desde unha perspectiva de cambio radical da política agraria que aposte por recuperar o rural e facer que vivan nel labregos e labregas producindo en todo o territorio. “Ou iso, ou non atacaremos de raíz o problema”, afirmou. Así, considerou urxente apostar polo apoio a toda aquela persoa que se queira instalar na actividade agraria e gandeira no medio rural e chamou ás administracións a establecer axudas coherentes que o permitan. En segundo lugar, onde xa non hai actividade gandeira e mentres non se consiga instalar labregos e labregas, é necesario fomentar rabaños comunais ou de titularidade pública para limpar o monte. “Este tipo de medidas actuarían de prevención, impedirían que o monte ardera e sería máis rendible empregar os cuartos nisto que entregarllos a empresas privadas que viven de apagar o lume”, dixo. Tamén defende que se limpen os camiños tradicionais e se inclúa o eucalipto no catálogo de especies invasoras; que se corten todos aqueles eucaliptos e piñeiros que se teñen plantado de forma nas terras agrarias ou que están rodeando os núcleos de poboación. “Reto á Administración a que deixe de expoñer á poboación a que poida morrer queimada ou ver como arden as súas vivendas e actúe de forma inmediata cortando os eucaliptos e piñeiros que rodean as casas”, lanzou.

“Non podemos permitirnos seguir vivindo de costas do que está pasando. O abandono do medio rural significa graves problemas para todo o país. O medio rural é a nosa reserva de auga, o noso pulmón, a nosa despensa como xeradora de alimentos, a nosa paisaxe e quen mantén a biodiversidade. Debemos converter toda a solidariedade que houbo, todos os voluntarios e voluntarias que apagaron o lume, nunha forza de resposta que obrigue ás administracións a revitalizar a actividade agraria no noso país”, concluíu Senra, despois de lembrar que esta mesma semana enviou unha carta ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Junker, pedíndolle que poñan en marcha medidas para paliar a situación; impulsou outra misiva que xa asinaron máis de 25 eurodeputados e eurodeputadas no mesmo sentido, dirixida aos comisarios europeos de Medio Ambiente e Agricultura.

Pola súa banda, Davide Rodríguez alertou de que “é mentira” ese discurso que está a dar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que estamos ante un “terrorismo organizado incendiario”. E na mesma liña que Senra, atribuíu a vaga de lumes á “falta de ordenación dos nosos montes en beneficio das grandes industrias pasteiras” e a unha “falta de previsión e de medios moi grande”.

O deputado no Parlamento galego denunciou que non funcionaron os protocolos, que non se activou o nivel 2 e que a Xunta non deu levado a cabo unha combinación dos medios dos que dispón para combater os incendios, lembrando que acababa de despedir semanas antes  a máis de 400 brigadistas do servizo público e outros 500 de Seaga. Rodríguez tamén criticou que non se reforzaran os servizos de emerxencias do 112 nin o 061 e que durante a fin de semana non houbo información á cidadanía do risco extremo polo que se estaba atravesando. “Seguiron permitíndose actividades no monte como a caza ou o sendeirismo”, sen barallar os riscos, dixo.

Davide Rodríguez cualifou como “moi grave” que tratando de eludir as “responsabilidades” propias, os responsables da Xunta achaquen a situación ao terrorismo incendiario e ao goberno portugués, motivo abondo para reclamar a dimisión de Tomás Fernández-Couto, secretario xeral da Consellería de Medio Rural e Mar.Tamén aproveitou para cualificar como “totalmente insuficientes” as medidas que se están poñendo en marcha para paliar a situación.

Na súa quenda, Alexandra Fernández fixo un repaso pola batería de preguntas que como deputada de En Marea presentou no Congreso esta semana en relación ao escenario “absolutamente desolador” que se deu. Fernández cre que se deu unha imaxe de “incapacidade” e de “falta de efectivos en tempo”. “Hai que darlle as grazas á cidadanía que saíu apagar o lume, a xente foi o actor principal para conseguir parar as lapas”, dixo.

A parlamentaria estatal chamou a facer unha reflexión profunda: “A non ordenación do territorio xunto cunha pésima xestión forestal converten os montes en pura gasolina. Tal e como está a facer Feijóo, intentando centrar esta crise só na cuestión punitiva, non se vai resolver este problema, repetirase ano tras ano”, advertiu. Así, chamou a cambiar o modelo e acusou á Administración de estar “repetindo o que pasou co Prestige e co Alvia. Daquela a culpa foi do capitán e do maquinista e punto. E agora novamente estase buscando un chivo expiatorio para non responder”. Ve unha irresponsabilidade falar de trama organizada incendiaria e atribúeo á intención do goberno popular de pechar calquera tipo de responsabilidade alternativa.

Ou o Goberno fai autocrítica ou volveremos ter a mesma situación no futuro”, asegurou a parlamentaria estatal, ante a realidade de que “os medios de extinción chegaron tarde, botamos en falta un plan de coordinación entre a Xunta e o Estado, houbo moita improvisación e descoordinación e non se tivo en conta o cambio climático e a seca que estamos atravesando”. Tamén criticou a “falta de información por parte dos medios públicos”. “Unha vez máis demostrouse que hai cidadáns de primeira e de segunda. Se os lumes estiveran ao redor de Madrid, estaríase informando en TVE desde o minuto cero”, dixo.

Fernández incidiu na necesidade de saber que medidas se van tomar agora en materia de restauración hidrolóxica e forestal e amosou a súa preocupación polo efecto arrastre que poida ter a choiva sobre os terreos queimados, o que podería afectar aos bancos marisqueiros. Chamou tamén ao Goberno estatal a reconsiderar a necesidade de incluír o eucalipto como especie invasora e a introducir na futura lei estatal sobre o cambio climático medidas para frear o previsible aumento de incendios forestais dos próximos anos. “Os nosos montes non poden converterse nun inferno ano tras ano”, zanxou.