Lídia Senra e Paula V. Verao promoven a constitución dunha plataforma por un sur de Lugo libre do eucalipto

A deputada europea e a galega lanzan unha reunión para o día 9 ás 20:00 horas no Centro do Viño de Monforte para avanzar no tema
Por o 04/11/2018 | Sección: AGE,Política
Lídia Senra e Paula V. Verao promoven a constitución dunha plataforma por un sur de Lugo libre do eucalipto

A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e a deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao, promoverán a constitución dunha plataforma por un sur de Lugo libre dos eucaliptos.

Con este fin, anuncian que o venres 9 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos (Rúa do Comercio, 6), terá lugar unha reunión en réxime de autoconvocatoria para avanzar na conformación de dita plataforma que defenda os Distritos Forestais VII, VIII e IX da plantación de eucaliptos. Senra e Vázquez Verao animan a todas aquelas asociacións e xente particular sensibilizada con este tema a que acuda á cita, tendo en conta que “despois do incendio na parroquia monfortina de Chavaga do ano pasado, estanse detectando plantacións de eucaliptos na contorna e temos visto máis intentos noutros lugares da comarca, algúns xa denunciados e outros non”, aseguran.

Cremos que se non actuamos xa vai ser a punta de lanza para inzar os Distritos Forestais VII, VIII e IX de eucaliptos, incumprindo até os propios modelos silvícolas definidos pola Xunta que contemplan que nestes distritos non se plantarán eucaliptos”, din as deputadas europea e galega. Fronte a iso, apostan por loitar por “un modelo de monte en harmonía coa agricultura e a gandeiría, que siga sendo rico en biodiversidade, sostible e que contribúa a frear o cambio climático, no que se siga mantendo a auga”. Por iso promoven a xuntanza do día 9 en Monforte e de cara a poder organizar mellor a reunión, agradecen a confirmación de asistencia enviando unha mensaxe ou chamando ao teléfono 698 120 268.

Lídia Senra e Paula Vázquez Verao xa denunciaron publicamente e en diferentes institucións a súa preocupación por esta situación o pasado verán, cando visitaron a zona afectada polos lumes en Chavaga e denunciaron que se estaban acometendo danos no castro de Chavaga cos traballos de retirada da madeira queimada e tamén que se estaban plantando eucaliptos noutras zonas próximas. 

Os últimos datos recoñecidos pola Xunta, que son do 2016, tomados pola comisión do novo Plan Forestal como referencia, indican que temos 330.000 hectáreas puras de eucalipto e outras 160.000 hectáreas de eucalipto mixturado. En total, poderiamos estar falando de 490.000 hectáreas con eucaliptos na Galiza. O dato é máis que preocupante se temos en conta que a previsión do Plan Forestal da Xunta elaborado no ano 1992 era dun máximo de 245.000 hectáreas para o ano 2032, cifra máis que superada xa na actualidade.

A Xunta de Galicia está permitindo o incumprimentos das súas propias normativas, en concreto os artigos 74 e 76 da Lei de Montes, que establecen que os plans de ordenación de recursos deberá coordinarse cos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais; e o Artigo 9.2 do Decreto 52/2024; e a Orde 19 de Maio de 2014, pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia”, defende Lídia Senra. Na citada Orde de 19 de Maio de 2014, o eucalipto queda excluído do Distrito forestal VIII, Terra de Lemos. Por outro lado, entendemos que a introducción de eucaliptos neste Distrito, contravén as letras a, b, c, d, f e k do punto 23 da Decisión Ministerial de Oslo sobre o Mandato para a Negociación dun Acordo Xuridicamente Vinculante sobre Bosques en Europa asinado polo Estado Español e pola Unión Europea. “Hai toda unha serie de regulamentación tanto europea como galega que non se está cumprindo. Debemos traballar contra o lume e traballar na liña de evitar eucaliptos no sur de Lugo”, conclúe Senra.

Se apostamos polo Patrimonio en sentido amplo, hai que apostar por modelos produtivos que conserven a paisaxe tradicional e evitar a desorde territorial que impera na Galiza, buscando modelos agrarios sostibles, que fixen poboación no rural con empregos de calidade”, conclúe Paula Vázquez Verao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.