Lídia Senra esixe que a UE protexa aos mariñeiros/as aos que Noruega lles nega a xubilación

A eurodeputada acompañou á asociación Long Hope nun encontro coa equipa de Marianne Thyssen, comisaria de Emprego e Asuntos Sociais
Publicado por o día 21/03/2017 na sección de AGE,Galicia,Política,Vigo

Lídia Senra esixe que a UE protexa aos mariñeiros/as aos que Noruega lles nega a xubilación

A eurodeputada acompañou á asociación Long Hope nun encontro coa equipa de Marianne Thyssen, comisaria de Emprego e Asuntos Sociais.

Asegurou que a negociación das pensións é un problema de dimensións europeas no que a UE debe tomar cartas fronte a Noruega.

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reuniu esta mañá a representantes da Asociación Long Hope, formada por mariñeiros e mariñeiras que traballaron en buques noruegueses aos que o país nórdico nega a xubilación, co equipo da comisaria de Emprego e Asuntos Sociais da Comisión Europea, Marianne Thyssen. O encontro tivo por obxectivo chamar unha vez máis a atención das autoridades da UE sobre un problema “de dimensións europeas”e reivindicar que as institucións comunitarias deben esixir ao Estado español que defenda os dereitos sociais deste colectivo.

En concreto, os mariñeiros reuníronse en Bruxelas durante unha hora con Inge Bernaerts, responsable de lexislación laboral e seguridade social da comisaria de Emprego e Asuntos Sociais,e no encontro explicaron a loita para lograr que Noruega lles recoñeza a pensión polos anos cotizados nese país. Os traballadores afectados formaban parte da tripulación de buques mercantes noruegueses antes de que en 1994 o país nórdico entrase a formar parte do Espazo Económico Europeo, e non eran considerados traballadores emigrantes en Noruega porque segundo este país non residían nel, razón esgrimida polas autoridades para negarlles o dereito a prestacións derivadas das súas cotizacións a bordo da frota mercante norueguesa.

A eurodeputada galega, que promoveu o encontro da asociación con responsables da Comisión Europea, esixe que as autoridades comunitarias tomen cartas no asunto e reclamen ao Estado español que faga valer os dereitos dos mariñeiros e mariñeiras ante Noruega. “A Comisión é coñecedora desta situación, que afecta aos cidadáns e cidadás dun dos seus Estados membro, e non pode lavarse as mans neste asunto de xustiza social”, recalcou Senra. “A Comisión di que carece de mecanismos para forzar a Noruega a recoñecer os dereitos deste colectivo, porque non é un Estado membro. Pero a UE ten acordos importantes con Noruega e a Comisión pode poñer enriba da mesa a solución deste conflito en base á vulneración dos dereitos humanos”, explicou a eurodeputada.

O portavoz de Long Hope, Alberto Paz, tamén esixiu compromisos firmes por parte das autoridades comunitarias e do Estado español para atopar solución a este conflito, que afecta a uns 8.000 traballadores e traballadoras na Galiza, dun conxunto de 12.000 en todo o Estado. “Non cederemos até que non vexamos compromisos. Moitos dos nosos compañeiros xa morreron sen ver recoñecido o seu dereito a unha pensión e por eles e por nós non abandonaremos”, declarou Paz, cuxa asociación xa levou nos últimos anos a súa loita ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo e a Comisión Europea. O portavoz lembrou tamén que aínda que Noruega non é un Estado membro, si é un país co que a UE ten importantes lazos comerciais. “O 85% das exportacións de Noruega van dirixidas ao Mercado Único e parece que o petróleo e o gas noruegueses son máis importantes para o Estado español e para a UE que a xustiza social”, lamentou.

A asociación agarda agora a celebracións dun xuízo en Noruega os días 4 e 5 de abril, logo de que a propia xustiza norueguesa rexeitase hai menos de dúas semanas a petición da defensa do goberno de Oslo de suspender o xuízo. Suceda o que suceda con esta demanda, o portavoz de Long Hope amosouse firme na idea de continuar ata onde sexa necesario para facer valer os dereitos do colectivo. “Se é preciso seguiremos o percorrido que nos queda até chegar a sentar a Noruega ante o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo”, dixo.