Lídia Senra, entre o grupo de eurodeputadas/os expulsado do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos

Forma parte da delegación de cinco eurodeputadas/os que pretendían reunirse ca sociedade civil esta fin de semana no Sáhara Occidental
Publicado por o día 27/10/2017 na sección de AGE,Política

Lídia Senra, entre o grupo de eurodeputadas/os expulsado do Sáhara Occidental ocupado por Marrocos

As autoridades marroquís negáronlles a entrada a El Aaiún, capital do territorio ocupado do Sáhara Occidental, a cinco membros do Parlamento Europeo, entre os que viaxaba a galega Lídia Senra. Todas/os elas/es forman parte do Intergrupo do Parlamento Europeo para o Sáhara Occidental e programaran para esta fin de semana reunións coas partes interesadas da sociedade civil en El Aaiún. “Marrocos non quere ningunha testemuña da  continua violación que está a facer dos dereitos humanos do pobo saharaui nos Territorios Ocupados. Non quere testemuñas dos seus crimes”, criticou a eurodeputada galega, “unha das cuestións das que precisamente queriamos obter máis información  era sobre o feminicidio dunha moza saharaui asasinada por colonos marroquís fai apenas un par de semanas”.

Esta visita fora tamén valorada como especialmente importante polo conxunto desta delegación de parlamentarias/os por producirse precisamente nun momento no que a Comisión Europea está a negociar a modificación do Protocolo de Asociación entre Marrocos e a UE logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o pasado decembro de 2016. Na súa sentenza, o TXUE reiterou que o Sáhara Occidental e Marrocos son dous territorios distintos e que ningún acordo internacional pode ser aplicado no primeiro sen o consentimento do pobo saharauí. A Eurocámara terá que votar este novo Protocolo no pleno do Parlamento Europeo nos vindeiros meses, polo que a visita ao Sáhara Occidental e os contactos ca sociedade civil resultaban esenciais para poder coñecer de primeira man a situación nos Territorios Ocupados.

Esta misión tiña tamén como obxectivo manter xuntanzas con colectivos de defensores de dereitos humanos, activistas saharauís e familiares dos presos políticos, tanto dos dazasete universitarios presos -coñecidos como “os compañeiros de El Ouali”, estudante asasinado por autoridades marroquís no ano 2016-  como dos campamentos Gdeim Izik que foron dispersados polas autoridades marroquíes a centos de kilómetros das súas familias, como ten denunciado recentemente a propia Lídia Senra. “Son presos civís, Marrocos está vulnerando a Convección de Xenebra ao dispersar a estas persoas fora do territorio non autónomo do Sáhara Occidental”, recalcou hoxe a eurodeputada galega.

“Denunciamos o silencio da comunidade internacional con respecto aos crimes que está a cometer o Goberno de Marrocos, e especialmente de Estados que teñen moito que ver nesta situación, como o propio Estado español e Francia”, incidiu Senra en alusión á actitude de bloqueo que neste momento  está a ter Francia no Consello de Seguridade da ONU para evitar a ampliación do mandato da MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o referendo do Sáhara Occidental) ao monitoreo da situación dos dereitos humanos.

De feito, a propia delegación de eurodeputadas/os tiña solicitado unha xuntanza ca MINURSO, organismo co que tamén foi crítica Lídia Senra: “é inadmisíbel que logo de tantos anos non so non teña organizado inda o referendo do pobo saharauí, que é o obxectivo esencial da súa misión neste territorio, senón que, á vista das circunstancias,  tampouco parece que estea a cumprir de xeito eficaz co seu deber de velar polo respecto dos dereitos humanos e denunciar as reiteradas  e graves vulneracións cometidas polo Goberno de Marrocos que está a ocupar ilegalmente o Sáhara Occidental”.