Lídia Senra intervén no pleno do Parlamento Europeo para sinalar que “a fame non se combate con caridade”

A eurodeputada vota en contra da Iniciativa tratada na sesión sobre os desperdicios de alimentos, alegando que non servirá para reducilos
Publicado por o día 17/05/2017 na sección de AGE,Política,Vigo

Lídia Senra intervén no pleno do Parlamento Europeo para sinalar que “a fame non se combate con caridade”

Defendeu este martes no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, que “a fame non se combate con caridade, combátese con políticas que garantan renda e salarios decentes para toda a poboación”. Senra tomou a palabra no plenario, para explicar o seu voto en contra da ‘Iniciativa sobre o uso eficiente dos recursos: reducir o desperdicio de alimentos, mellorar a seguridade alimentaria’, que se abordou na sesión europea.

A europarlamentaria defendeu que votou en contra porque esta iniciativa “non servirá para reducir os desperdicios alimentarios”. “Continuará fomentando o negocio da gran distribución e da industria alimentaria, que terá máis alimentos dos que precisa e a baixos prezos, e daralles saída a través da doazón e do negocio da alimentación para os animais”, dixo. “Tamén abre as portas ás exencións fiscais para os doantes de alimentos (empresas) e a financiar con fondos públicos a recollida, transporte, almacenamento e distribución das doazóns”, denunciou.

Mentres todo isto se produce, Senra advertiu de que “o desemprego directo e indirecto continuará aumentando coa desaparición da agricultura labrega”. “E tamén continuará o aumento da pobreza e exclusión social e o gasto de enerxía”, xa que se vai usar enerxía en elaborar, transportar e comercializar alimentos, e en segunda volta, en convertelos en alimentos para os animais”.

Senra defendeu que, fronte a isto, as claves para combater a fame, a pobreza e a exclusión social serían, entre outras, “reducir a produción, regular os mercados, equilibrar a oferta e a demanda, fomentar a produción e os mercados locais, a venda en fresco e a granel, adaptar as datas de vencemento e reducir os embalados de longa duración”.