Lídia Senra levará ante a Comisión Europea a problemática que están a padecer os traballadores/as do 112

A eurodeputada recibiu na súa oficina en Santiago a representantes do Comité de Folga do Servizo de Atención a Emerxencias de Galiza
Por o 24/05/2017 | Sección: AGE,Política,Protestas,Sanidad,Vigo
Lídia Senra levará ante a Comisión Europea a problemática que están a padecer os traballadores/as do 112

Reuniuse este mércores pola tarde na súa oficina en Santiago de Compostela con representantes do Comité de Folga do  Servizo de Atención a Emerxencias de Galiza 112, que levan un mes e unha semana secundando un paro indefinido en protesta polas consecuencias do traslado da súa sede, da capital galega á Estrada, efectuado a mediados de abril. A europarlamentaria comprometeuse a presentar ante a Comisión Europea iniciativas de denuncia da situación laboral do persoal e das deficiencias que padece o Servizo de Atención a Emerxencias galegas.

Durante a xuntanza, Carlos Barros e Isabel Moares, representantes do Comité de Folga do 112 acusaron á Xunta de ser “temeraria e de estar arriscando vidas” coa decisión do traslado que foi feito “de forma precipitada e sen unha axeitada planificación” e coas deficiencias do novo programa informático de atención e xestión de emerxencias que se está a utilizar. “O programa púxose a funcionar colléndonos ás traballadoras e traballadores do 112 como “cobaias” e “é a sociedade, con emerxencias reais, quen está testeando o programa”, dixeron. “O propio persoal de Atos, a empresa que desenvolveu a nova aplicación informática que temos que usar, acabou por recoñecer a traballadores do 112 que era a primeira vez que lles encargaban un programa sen ter en conta ás persoas que o ían utilizar”, denuncian.

En consonancia co comunicado emitido precisamente este mércores pola Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112, na reunión abordouse a necesidade de exixir a asunción de responsabilidades políticas por parte dos dirixentes do Goberno galego que xestionaron o traslado do 112 á Estrada, tendo en conta que a xestión de emerxencias se fixo máis lento a partir do cambio e que se está a deteriorar a súa eficiencia. Tamén denunciaron que o persoal da Xunta está a levar a cabo persecución e acoso cara aos folguistas.

Neste sentido, Lídia Senra considera factible presentar nos próximos días en Bruxelas unha pregunta dirixida á Comisión Europea denunciando que se está a vulnerar o dereito á folga e os servizos mínimos e tamén denunciando o deterioro do sistema de atención a emerxencias que provocaron estas mudanzas. A eurodeputada ademais considerou fundamental reivindicar que a atención e xestión de emerxencias sexa un servizo público e non privatizado, como acontece actualmente, que está en mans da empresa TeleMark Spain. Senra insta á Xunta a aproveitar que esta concesión rematará o próximo ano para recuperar para o público este servizo.

O persoal denuncia que neste primeiro mes de emprego da nova aplicación informática aumentaron os tempos de xestión e estase a obrigar ao persoal, -o que antes non pasaba-, a manterse á espera mentres procesa os datos de maneira reiterada en cada unha das chamadas, en interminables tempos que forzan unha e outra vez a solicitar ‘un momento, por favor’ ás persoas alertantes, que se atopan en moitas ocasións en situacións límite”. Ademais, “o deseño do programa obriga o persoal a efectuar máis do dobre do número de clics para xestionar cada unha das emerxencias con respecto á anterior plataforma tecnolóxica. Non ofrece toda a información necesaria visible en pantalla como o facía a súa predecesora, nin recomenda os recursos precisos para cada unha das emerxencias, ralentizando aínda máis a xestión, dado que os recursos deben ser localizados manualmente nas bases de datos”, din.

O traslado está a supoñer ademais unha diminución dos ingresos dos traballadores e traballadoras dun 14%, ao que se suma ao feito de que levan 6 anos cos salarios conxelados.