Lídia Senra: “Os números están claros: hai riqueza dabondo para vivir con dignidade, só hai que repartila mellor”

Publicado por o día 03/10/2018 na sección de AGE,Política

Lídia Senra: “Os números están claros: hai riqueza dabondo para vivir con dignidade, só hai que repartila mellor”

“As políticas de austeridade e as reformas estruturais impostas pola UE teñen provocado un aumento alarmante da pobreza e unha maior concentración da riqueza, especialmente no sur da Unión Europea”. Así situou esta tarde a eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, o marco do debate sobre o establecemento dunha renda mínima na UE que tivo lugar esta tarde na sesión plenaria do Parlamento Europeo.

No noso país, segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), catro de cada dez fogares galegos teñen dificultades para chegar a final de mes. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o  19% dos fogares do Estado están en risco de pobreza. Ademais, subliñou a galega, “esta pobreza tan rostro de muller, de persoa nova, de crianza, de persoa xubilada e de persoas desempregadas. É hora de reverter esta situación. Os números están claros: hai riqueza abondo para vivir con dignidade, só hai que repartila mellor”.

Se realmente a UE quere apostar por un modelo social que elimine ou, canto menos, mitigue a cada vez máis crecente desigualdade económica nos Estados membro, cómpre determinación e apostar xa por unha batería de medidas que aborde esta situación: “Reducir a xornada laboral; reparto do traballo; salarios dignos; prezos agrarios remuneradores; pensións de xubilación dignas garantidas polos orzamentos públicos; servizos públicos gratuítos e de calidade; políticas para garantir o dereito a unha vivenda digna e a prezos asequíbeis; poñer fin á fraude e á evasión fiscal e establecer a Renda Básica Universal para garantir que ningunha persoa sexa condenada a vivir na pobreza ou a aceptar empregos absolutamente precarizados”.

A eurodeputada galega realizou a súa intervención ante o pleno do Parlamento apenas unhas horas despois de participar nese mismo espazo no debate co primeiro ministro de Estonia, Jüri Ratas, ao que insistiu en que “o futuro de Europa pasa por activar medidas para loitar contra a pobreza e redistribuir a riqueza”.

Nesta interpelación ao primeiro ministro estonio Senra cuestionouno tamén  sobre as liñas de traballo a activar, situando como eixo principal afrontar os actuais retos que a UE ten no eido do benestar social: “Gustaríame saber que propostas ten enriba da mesa para combater o enorme desemprego que vai conlevar o que vostedes denominan a “cuarta revolución industrial”, que medidas para combater a enorme fenda de xénero e loitar contra a violencia machista e, xa que tanto falou de reforzar o militarismo e a seguridade, quixera saber cales son as súas medidas para traballar por unha cultura de paz”.