Lídia Senra pide que a Comisión Europea investigue a caída de máis dunha decena de torretas de alta tensión na Mariña

Denuncia que a recén estreada liña Boimente-Pesoz foi construída con Fondos Estruturais da UE e, a xulgar polo acontecido no sinistro de febreiro, parece non cumprir os requisitos mínimos de seguridade
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de AGE,Política,Vigo

Lídia Senra pide que a Comisión Europea investigue a caída de máis dunha decena de torretas de alta tensión na Mariña

A eurodeputada pregunta á CE se ten constancia de que o material das torretas desta liña de máxima capacidade de evacuación que une Galiza con Asturias é o axeitado ou non para resistir o clima da zona.

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclama que a Unión Europea realice unha investigación sobre a caída de máis dunha decena de torretas da liña de alta tensión Boimente-Pesoz que tivo lugar a principios de febreiro na Mariña lucense. A parlamentaria ven de rexistrar en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE) na que lle informa do acontecido durante o último temporal que azotou Galiza e que, asegura, “non foi de semellante virulencia como para que unha liña de alta tensión que é nova, xa que acaba de ser estreada aínda este ano, non poidera resistilo se estivera construída seguindo uns parámetros óptimos de seguridade”.

Senra considera que, a xulgar polo sinistro acontecido en Lourenzá, no que as torretas se derrubaron en cadea e parte do cableado da Boimente-Pesoz caeu sobre a liña de alta tensión Mondoñedo-A Pontenova, que pasa por debaixo, “é lóxico sospeitar que podemos estar ante unha situación de deficiencia nos materias empregados para a construción destas instalacións”.

Así, a eurodeputada lembra que as torretas que se desmoronaron pertencen a unha liña de máxima evacuación de 81 quilómetros construída para transportar enerxía de Galiza a Asturias que foi financiada con Fondos Estruturais da UE e orzamentada en 70 millóns de euros. “Que seguemento do uso dos Fondos Estruturais da UE fai a Comisión Europea para certificar se se empregan axeitadamente ou non? Ten constancia de se o material empregado nestas torretas é o axeitado para salvagardar as necesarias condicións de seguridade?”, pregunta Lídia Senra, que agarda que a CE dea contestación a estas dúbidas nun prazo de entre 4 e 6 semanas.

A deputada advirte que o perigo pode ser moito maior e acarrear consecuencias moito máis graves aínda se volve pasar algo semellante estando a liña de alta tensión a pleno rendemento. Así, lembra que no momento do accidente non o estaba porque aínda se inaugurou en xaneiro e vai entrando en funcionamento de forma paulatina, pero “queda a dúbida do que pode acontecer no futuro porque pasa cerca de núcleos de poboación”.

Lídia Senra argumenta que non hai moita escusa para que as torretas non se constrúan de forma que cumpran os máximos niveis de seguridade, xa que na serra da Cadeira, onde se produciu o derrubamento, hai instalado un sistema de medición do vento que permite que se poidan analizar con detalle as condicións climatolóxicas da zona de cara a determinar a resistencia dos materiais necesarios a empregar para non correr o risco de caídas como a acontecida.