Lídia Senra pide que o Estado derogue o Decreto 8/2017 da estiba por vulnerar os intereses xerais e o mandato da OIT

Prepara un escrito dirixido á CE no que sinala que os convenios da Organización Internacional do Traballo están por riba do Dereito da UE
Por o 27/05/2017 | Sección: AGE,Galicia,Naval,Política,Protestas,Vigo
Lídia Senra pide que o Estado derogue o Decreto 8/2017 da estiba por vulnerar os intereses xerais e o mandato da OIT

Reclamou este venres que o Estado español derrogue o Real Decreto 8/2017 aprobado este mes e polo que se modifica o réxime dos traballadores/as para a prestación do servizo portuario de manipulación de mercadorías. Senra considera que esta lei debe ser derrogada “posto que o Estado español, neste caso, non defende os intereses xerais forzado pola Comisión Europea (CE), como argumenta, senón que defende unha posición de prexudica tanto ás traballadoras e traballadores da estiba portuaria como ás empresas estibadoras e consignatarias xa establecidas nos portos do Estado Español, algunhas delas desde hai moito lustros”.

A europarlamentaria chamou a seguir os tratados da Organización Internacional do Traballo (OIT) e advertiu de que a solución está nas mans do Estado, denunciando que detrás de toda esta manobra “está a intención de multinacionais americanas, rusas e chinesas de facerse cos portos do Estado español, o que non só desmontaría o réxime laboral dos estibadores e estibadoras, senón tamén o empresarial das consignatarias actuais, que desaparecerían”. “O Goberno ten unha difícil papeleta co Real Decreto-Lei 8/20217 xa validado para axeitarse ao dereito europeo”, advirte Lídia Senra, xa que “se pretende eliminar o rexistro de estibadores, é posible que estea a incumprir o mandato da OIT”.

Lídia Senra denuncia que o 8/2017 “ máis que ser un decreto de ordenación do sector no Estado español da actividade da estiba, é en realidade un plan de baixas incentivadas e prexubilacións, algo que popularmente se coñece como un ERE, é dicir un plan que ademais de reducir emprego, precariza, xa que na práctica vai facilitar substituír traballadoras e traballadores contratados na actualidade con dereitos por traballadores e traballadoras en precario. O que fixo o Goberno con este Decreto é dotar de orzamento prexubilacións e baixas incentivadas, é dicir, unha reconversión portuaria co obxectivo de reducir o cadro de persoal e privatizar máis aínda a xestión”, considera.

A eurodeputada explica que a Comisión Europea, desde o 27 de xullo do 2016, xa declarou directamente incompatibles os rexistros de estibadores. Sen embargo, a OIT recoñece o rexistro nos artigos 2 a 4 do Convenio 137 sobre o traballo portuario, ratificado polo Estado español, que entrou en vigor o 22 de abril de 1975. O artigo 2.1 afirma que “a política nacional deberá estimular a todas as partes interesadas a que, na medida do posible, se asegure o emprego permanente ou regular dos traballadores/as portuarios”. O artigo 3.1 determina que “deberán establecerse e levarse rexistros para todas as categorías de traballadores/as portuarios, na forma que determinen a lexislación ou práctica nacionais”. E o artigo 3.2 engade que “os traballadores/as portuarios rexistrados deberán ter a prioridade para o traballo portuario”. Así mesmo, o artigo 4.2 sinala que “cando sexa inevitable reducir o continxente total de traballadores/as rexistrados, deberanse adoptar as medidas necesarias para impedir ou atenuar os efectos prexudiciais de tal redución sobre os traballadores/as portuarios”.

Así pois, argumenta Lídia Senra, o convenio da OIT contempla o rexistro de estibadores como garantía de estabilidade no emprego, a prioridade dos estibadores rexistrados para a contratación, e que calquera redución do mesmo debe compensarse”.  Senra defende que se ben se pode establecer a dúbida sobre a primacía do Dereito da Unión sobre o estatal, o Dereito da Unión nunca pode estar por riba do Dereito Internacional Público como son os tratados con la OIT.

En base a isto, a europarlamentaria rexistará nos próximos días en Bruxelas un escrito dirixido á Comisión Europea no que lle formulará ao ente comunitario varias preguntas, co fin de clarificar a situación. “Ao obrigar a CE ao Goberno do Estado español a suprimir os rexistros de estibadores está obrigando a incumprir tratados internacionais ao Estado, de forma que é vontade da Comisión favorecer os intereses das multinacionais da estiba e consignatarias, todo iso en detrimento da calidade do emprego e dos dereitos dos traballadores e traballdoras do sector no Estado español?”, preguntaralle.

“Se a lexislación laboral dos Estados non está regulada pola UE, por que se ameaza con multas ao Estado español e se lle obriga a tomar medidas que van en detrimento de cidadáns e cidadás españolas en beneficio de empresas que non están establecidas nos portos do Estado Español e ínstando a vulnerar convenios da OIT?”, pregúntase Lídia Senra.

A eurodeputada entende que “o principio de mercado único nin pode nin debe vulnerar o benestar das persoas e os dereitos laborais e que os empregadores deben respectar as lexislacións e non poden impoñer as súas condicións tendentes a precarizar o emprego e empobrecer ás clases traballadoras”. Por iso, chama a derrogar canto antes o Real Decreto.

Con esta nova iniciativa, Lídia Senra dá un paso máis, despois de que a Comisión Europea contestara a unha pregunta anterior sobre o conflito da estiba, referida ao fallido Real Decreto 4/2017, botando balóns fora.

 

 

Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.