A pregunta dirixida á CE o pasado mes de agosto, non vai de “vacinas si/ vacinas non”. Vai de que se garanta a transparencia, a información, de que os poderes públicos garantan a seguridade fronte ao poder dos laboratorios, e da non obrigatoriedade no contexto europeo (cousa que non é diferente ao que xa existe no Estado Español).
Respecto moito as diversas opinións e críticas que xurdiron con motivo desta pregunta, e ao mesmo tempo quero aproveitar para agradecer profundamente as mostras de solidariedade.
Ámbalas dúas cousas (as críticas e a mostras de solidariedade) son un valioso estímulo para seguir preguntando á CE; cousa que seguirei facendo. Penso que non se pode ter medo a facer preguntas.
Eu seguirei preguntando e seguirei traballando para que as decisións políticas que afectan á saúde e á seguridade de todos os medicamentos non estean condicionadas polos intereses das farmacéuticas. Seguirei traballando para demandar investigación pública, e que as Administracións públicas sexan o garante de que o único que vai primar á hora de tomar decisións sexa a saúde.
Isto é algo que levo facendo neste Parlamento desde o primeiro momento, cando en outubro do 2014 no marco da posta en marcha da actual Comisión Europea me dirixín ao Presidente Juncker para que a Axencia Europea do Medicamento permanecera na Dirección Xeral de Saúde e Consumo e non na Dirección Xeral de Industria, como pretendían.
Dende a miña responsabilidade como deputada no Parlamento Europeo, seguirei traballando na defensa da sanidade pública fronte as política neoliberais que está poñendo en marcha o Partido Popular para privatizalas. Cando o PP lanzou fai uns días este ataque contra min, repito, por unha pregunta rexistrada no mes de agosto, seguramente pensou que lle podería servir para tapar o debate, o malestar social sobre o deterioro da sanidade e a falta de medios, e as mobilizacións que está habendo na Galiza na defensa da Sanidade Pública.
Queremos investigación pública e control público na Sanidade. Nas vacinas, nos medicamentos, nos tratamentos, na investigación… A saúde é un dereito polo que temos que loitar con todas as nosas forzas. Estas foron as miñas razóns para preguntarlle á Comisión Europea pola información e o control público sobre as vacinas.
Documento da Pregunta
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.