Lídia Senra reclama en galego no Parlamento Europeo o cumprimento da Carta Europea das Linguas

A eurodeputada tomou a palabra no hemiciclo para denunciar na fala propia que Xunta, Estado e UE non garanten os dereitos lingüísticos
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de AGE,Cultura,Política,Vigo

Lídia Senra reclama en galego no Parlamento Europeo o cumprimento da Carta Europea das Linguas

Lidia tomou a palabra este luns pola noite no pleno do Parlamento Europeo, que se está a desenvolver esta semana en Estrasburgo, para facendo uso da lingua propia e coincidindo co 25 aniversario da adopción da Carta Europea das Linguas Rexionais, Minoritarias ou Minorizadas denunciar que pasado un cuarto de século nin a propia UE, nin o Goberno do Estado nin o galego están a garantir os dereitos lingüísticos que se recollen no citado documento.

A parlamentaria denunciou en galego “a vulneración sistemática da Carta Europea por parte das autoridades da Galiza e do Estado español” e reclamou a necesidade de que as autoridades competentes, facendo especial fincapé no Goberno da Xunta, derroguen todas as actuacións contra a lingua galega postas en marcha nos últimos anos, entre elas o Decreto do ensino.

“A Xunta e o Estado veñen levando a cabo prácticas que supoñen un desprezo intolerable á nosa lingua así como a vulneración dos nosos dereitos lingüísticos por parte de quen ten a obriga de protexela e poñer os medios para garantir a plena normalización do galego e o seu uso en todos os ámbitos”, dixo Lídia Senra. “Esiximos ao Estado e ás autoridades galegas que respecten e apliquen a Carta Europea das Linguas e instamos ao Parlamento Europeo e ao seu presidente Antonio Tajani a que garanta o pleno recoñecemento da lingua galega nesta Cámara e os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”, engadiu.

A día de hoxe, o Parlamento Europeo segue sen posibilitar que as eurodeputadas e eurodeputados de nacións sen Estado con lingua propia, ou de lugares con lingua minoritaria, poidan expresarse no seu idioma con normalidade, xa que non se permite que os servizos de interpretación da Cámara realicen as traducións necesarias para que o resto de membros poidan entender o que se está a falar. A iniciativa conxunta de denuncia de onte pola noite na Eurocámara foi secundada por deputados e deputadas de diferentes nacións e supuxo que por primeira vez no que vai de lexislatura se escoitaran intervencións no pleno tamén en vasco e en catalán, por exemplo.