Lídia Senra reclama a posta en marcha dunhas políticas activas que permitan fixar poboación nas montañas

A Casa da Cultura da Pobra do Brollón acolleu este sábado unha xornada organizada pola eurodeputada na que se analizaron os PDR
Publicado por o día 07/05/2017 na sección de AGE,Política,Vigo

Lídia Senra reclama a posta en marcha dunhas políticas activas que permitan fixar poboación nas montañas

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), inaugurou este sábado pola mañá no Salón de Actos da Casa da Cultura “Olga Novo” da Probra do Brollón (Lugo), a xornada sobre Programas da UE para o desenvolvemento das zonas de alta montaña. O evento, organizado pola propia europarlamentaria, reuniu durante todo o día a diferentes persoas expertas en Plans de Desenvolvemento Rural (PDR) a nivel europeo e Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) na Galiza, así como a persoas que están a desenvolver hoxe en día diferentes proxectos económicos e sociais de cara a manter unha montaña viva e dinámica, como son os representantes de Caurelor, Aceites Figueiredo, a Asociación veciñal e cultural de Vieiros (Quiroga) ou do proxecto da candidatura Montañas do Courel a Xeoparque Mundial da Unesco. Senra chamou a facer todo o posible para incidir na elaboración do próximo PDR e intentar que se axeite ás necesidades que hai na Galiza para manter as montañas vivas, xa que unha vez que os plans están en vigor, como é o actual 2014-202, “os lamentos non valen para nada”.

Na liña, Víctor Álvarez Arias, membro de LugoNovo, definiu os PDR como a “base da estratexia para desenvolver todas as políticas agrarias na Galiza”, e, non obstante, criticou que “teñen moitos defectos”. “1.200 millóns, se se invisten ben, deberían valer para algo”, dixo, e chamou a facer un balance dos beneficios ou non que trouxeron para a agricultura e a gandería estes plans.


Neste sentido, Ana Rodríguez Vázquez, ex xerente de PDR e ex responsable de desenvolvemento rural do Sindicato Labrego Galego (SLG), afirmou que “os PDR para pouco valeron neste país, tendo en conta que nos pobos rurais cada vez queda menos xente vivindo e cada vez hai menos explotacións agrarias e gandeiras”. Así, atacou o feito de que a pesar de que na exposición de motivos do PDR actual, o 2014-2020, se fai mención a que os anteriores programas non funcionaron ben e sigue habendo os mesmos problemas estruturais, en realidade continúase co mesmo sistema. Rodríguez Vázquez fixen un repaso por todas as subvencións e axudas que se inclúen nos PDR e ás condicións que hai que cumprir para poder acceder a elas.

Como problema de fondo, na xornada analizouse o feito de que no actual PDR galego, un 25% dos fondos van para proxectos forestais, mentres no estatal, a partida para este tipo de actividades quedan no 16%. En canto a modernización de explotacións agrarias e gandeiras, os recursos destinados nestes PDR son 61,3 millóns menos que no anterior; e os destinados a incorporación de mozos tamén descenderon en 3,5 millóns. Sen embargo, no capítulo de forestal aumenta en case 38 millóns e para medidas relacionadas con agroambiente e clima descenderon un 61,2%, destinando para agricultura ecolóxica 680.000 euros soamente. Ante estas cifras, as persoas participantes na xornada preguntáronse “onde queda o ámbito agrario no PDR?”. “A onde nos está a levar esta Administración con este tipo de plans, que tipo de explotacións quere impulsar?”, reflexionaron as presentes.

Lídia Senra e o resto de participantes, -entre os que tamén estiveron Óscar Carrete Lage, concelleiro e voceiro de C@aurel Vivo, e a deputada en En Marea no Parlamento Galego Paula Verao-, coincidiron en que no fondo, segue sen haber facilidades para asentar postos de traballo nas zonas do rural e continúan as políticas que deseñan subvencións a medida para as grandes empresas. Así, realizaron un chamamento a activarse no debate e dar a batalla para evitar que desapareza a actividade agraria nas zonas de montaña. “O momento no que desaparece a actividade agraria, non será posible o desenvolvemento do medio rural”, advertiu Senra, despois de reivindicar tamén a importancia de promover o comercio dos produtos locais.