Lídia Senra reclama una distribución de TACs e cotas xusta e transparente coa pesca artesanal e de baixura

No evento en Bruxelas participaron en vídeo o patrón maior de Cangas, o presidente de Asoar-Armega e un representante do arrastre de litoral
Publicado por o día 31/03/2017 na sección de AGE,Cangas,Galicia,Política,Vigo

Lídia Senra reclama una distribución de TACs e cotas xusta e transparente coa pesca artesanal e de baixura

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), recibiu en Bruxelas as inquedanzas e reivindicacións do sector pesqueiro artesanal e de baixura de Galiza no marco dunha iniciativa centrada en analizar as desigualdades na pesca e o impacto dos superarrastreiros e as pesquerías industriais no sector artesanal e de baixura. Organizada polo GUE/NGL, na xornada participaron, a iniciativa da eurodeputada galega, o patrón maior de Cangas, Javier Costa, o presidente da Asociación Galega de Armadores de Artes Menores de Galicia, Jose Luís Rodríguez,- ámbolos dous mediante unha intervención gravada en vídeo- e Manuel Chedas, mariñeiro representante do pequeno arrastre de litoral e presidente da asociación estatal Mar Viva, galego de orixe mais afincado en Asturias. Xunto a eles, tomaron tamén a palabra representantes do sector en Irlanda, Portugal e Países Baixos.

Senra presentou e moderou o panel do evento dedicado a analizar as medidas da Política Pesqueira Común (PPC), unha oportunidade para elevar a Bruxelas que o sector artesanal e de baixura galego “quere un reparto xusto e transparente dos TACs e cotas, unha distribución que teña en conta o peso socioeconómico dunha actividade clave nas economías locais. Os repartos actuais consolidan un modelo insostible que só beneficia as grandes frotas industriais e compromete o futuro do sector”.

No mesmo panel, Javier Costa, patrón maior da Confraría de Cangas, defendeu “unha pesca artesanal fóra de TACs e cotas, xa que é unha actividade de pouco impacto ambiental que representa o 80% da frota artesanal do Estado”. Costa considera que “non se poden permitir as cotas por criterios históricos, que permiten que barcos no mesmo país leven o 48% das cota con menos barcos e outras frotas só o 17% cun número moito maior de buques como sucede no Estado español coa cota de xarda para o País Vasco e Galiza”.

José Luis Rodríguez, presidente de Asoar Armega (Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia) lembrou que colectivos como o seu “levan anos pedíndolle ao Goberno central un reparto xusto para todas as frotas fronte ao reparto insolidario, sen criterios de sostibilidade e nocivo para as economías locais. O artigo 17 da PPC obriga aos Estados membros a que o reparto teña en conta criterios socioeconómicos e ambientais, pero o que se fai é todo o contrario, recórtase a noso financiamento e mesmo se crean problemas entre compañeiros de distintas frotas. Isto non debe ser unha guerra entre distintas frotas, aquí non sobra ninguén”, defendeu. Rodríguez tamén amosou a súa preocupación polas consecuencias da prohibición dos descartes no sector artesanal. “Nunca tivemos descartes, é a UE coas súas normativas de distribución de cotas as que os xeran. As nosas artes non pescan xuvenís nin especies prohibidas. A UE debe analizar que artes están xerando os descartes e tomar medidas”.

Manuel Chedas, representante do arrastre de litoral e empregado nunha empresa asturiana, recordou que “nos anos oitenta xa imperaban polo Cantábrico grandes barcos industriais con grandes aparellos e tren de bolos que se facían notar nos caladoiros”, situación que non fixo máis que empeorar dende aquela debido “á asignación de cotas totalmente míseras”, “ a concesión de licencias de pesca a barcos portugueses con grandes aparellos” ou “a pesca masiva fronte ás nosas costas de barcos franceses e irlandeses con aparellos peláxicos”. Tanto o modelo como o sistema de traballo dos grandes barcos industriais son especialmente dramáticos para unha zona, subliñou Chedas, ”con tan pouca plataforma como é o Cantábrico. O impacto afecta a toda a frota do litoral”, expuxo.