Lídia Senra reclámalle ao Consello da UE que acabe coa discriminación da pesca artesanal no reparto de cotas

A eurodeputada recordou ante o ministro estono de Medio Ambiente os desequilibrios que sofre a pesca a pequena escala fronte á industrial
Publicado por o día 14/07/2017 na sección de AGE,Política

Lídia Senra reclámalle ao Consello da UE que acabe coa discriminación da pesca artesanal no reparto de cotas

Tomou a palabra este mércores  na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para dirixirse a Siim Valmar Kiisler, ministro de Medio Ambiente de Estonia, país que ocupa a presidencia rotatoria do Consello da UE, e reclamar que nas próximas negociacións para o reparto dos TACs de 2018 se aborde dunha vez por todas e con criterios transparentes o reparto xusto das posibilidades de pesca, que actualmente é discriminatorio coa pesca artesanal, de baixura e a pequena escala e tamén entre países. “Pensa esta presidencia facer algo para acabar coa discriminación que sofre a pesca artesanal, de baixura e a pequena escala na distribución de cotas?”, interpelou a eurodeputada galega. O ministro estono recoñeceu que a pesca artesanal e costeira precisa “dunha atención especial” e que se teña en conta o peso socioeconómico desta actividade nas comunidades costeiras, resposta que Senra anima a facer valer nos próximos meses “para que non quede, unha vez máis, en boas intencións que non se levan a cabo na práctica”.

Ademais, a eurodeputada preguntoulle ao ministro estono cal é a postura da nova presidencia do Consello sobre o decreto co que Marrocos acaba de incorporar o mar do Sáhara Occidental ás súas augas territoriais, malia a sentencia do Tribunal de Xustiza da UE a finais do ano pasado pola que os mencionados territorios ocupados quedan excluídos da aplicación do Acordo de Asociacións entre a UE e Marrocos. “Que o ministro responda que o Acordo ten salvagardas dabondo sobre os dereitos humanos do pobo saharauí é unha proba máis de que o Consello non está tomando en serio a sentenza de 2016, que deixa moi claro que dito acordo non pode implicar ao Sáhara Occidental por non tratarse de territorio marroquí e non dar o seu consentimento o pobo saharauí”, lembrou Senra.

A este respecto, a eurodeputada acaba de presentar no Parlamento Europeo unha proposta de resolución xunto á tamén eurodeputada do GUE/NGL Paloma López Bermejo sobre esta anexión ilegal das augas territoriais do Sáhara Occidental por parte de Marrocos, na que se insta á Comisión Europea a facer cumprir a sentencia do Tribunal de Xustiza da UE e excluír os territorios ocupados e os seus recursos naturais dos acordos co reino de Marrocos. 

Senra considera que o decreto adoptado o pasado 6 de xullo polo Goberno de Marrocos sobre o mar do Sáhara Occidental é unha anexión máis, continuación do crime de agresión que supuxo a invasión do Sáhara Occidental por parte de Marrocos coa Marcha Verde. Dende hai máis de 40 anos, Marrocos continúa a súa ocupación militar da maior parte do Sáhara Occidental, territorio que dividiu cun muro militar de máis de 2.700 quilómetros para asegurar o espolio colonial dos seus recursos naturais, os fosfatos no territorio e o control das augas saharauís e o seu rico banco pesqueiro. Agora a decisión de aprobar a súa anexión de feito das augas saharauís, ten que ver co descubrimento dunha gran reserva de telurio no Tropic, monte submarino no fondo oceánico da zona canaria-saharauí. Esa zona parece ser rica en telurio e outros minerais como o cobalto ou o platino, empregado pola industria de telecomunicacións e para a fabricación de paneis solares.

Na proposta de Resolución sobre este tema, Lídia Senra e Paloma López Bermejo lembran que o Dereito internacional non recoñece ningunha soberanía ou xurisdición marroquí sobre as augas territoriais do Sáhara Occidental, ao sur do paralelo 27º 40N, como se afirma na Carta das Nacións Unidas e na Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar (CNUDM) e se establece na Opinión Consultiva da Corte Internacional de Xustiza sobre o Sáhara Occidental, de 1975, e no ditame xurídico das Nacións Unidas de 2002.