Lídia Senra, responsábel polo GUE/NGL do seguimento das medidas de apoio ao sector apícola europeo

A Comisión de Agricultura, da que Lídia Senra é titular para o Grupo Confederal da Esquerda Europea, está elaborando un informe específico
Publicado por o día 01/09/2017 na sección de AGE,Política

Lídia Senra, responsábel polo GUE/NGL do seguimento das medidas de apoio ao sector apícola europeo

A eurodeputada galega Lídia Senra foi designada responsable do seguimento da elaboración do informe Perspectivas e desafíos para o sector da apicultura da UE en representación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

Actualmente a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, da cal Senra é titular para o GUE/NGL, está en proceso de elaboración dun texto que pretende adoptar medidas  de apoio á produción de mel dentro da Política Agraria Común (PAC). Entre outras cuestións, a Comisión de Agricultura subliña que o 84% das especies vexetais e o 75% da produción de alimentos na UE depende das abellas, que ademais ostentan unha responsabilidade crucial na conservación do equilibrio ecolóxico e a diversidade biolóxica.

A data de incorporación de achegas a este texto finaliza o vindeiro 8 de setembro , polo que a eurodeputada galega está xa a traballar co sector apícola para presentar as incorporacións e modificacións que as apicultoras e apicultores galegos consideren pertinentes. Unha vez consensuado o texto final, este será sometido a votación na Comisión de Agricultura e, no caso de ser aprobado, votarase novamente por tódalas eurodeputadas/os en sesión plenaria do Parlamento Europeo.

Lídia Senra vén traballando no fortalecemento da apicultura galega ao longo desta lexislatura  promovendo iniciativas como o encontro “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”[1], celebrado en marzo do ano 2016 no Parlamento Europeo; así como a través do rexistro dunha pregunta parlamentar sobre a “vespa asiática” (outubro de 2014); a promoción dunha declaración para acadar unhaEstratexia europea de xestión, control e posíbel erradicación da Vespa Velutina Nigrithorax,  asinada por máis de setenta eurodeputadas/os de tódolos grupos político ou o apoio á unha iniciativa europea de apoio ao mel e ao Día Mundial das Abellas.