Lídia Senra solicita á Comisión Europea que investigue o impacto na pesca das prospeccións de petróleo e gas

A eurodeputada galega quere coñecer as consecuencias da busca de hidrocarburos no mar para a frota comunitaria de Porcupine
Por o 07/04/2017 | Sección: AGE,Política,Vigo
Lídia Senra solicita á Comisión Europea que investigue o impacto na pesca das prospeccións de petróleo e gas
Compartir en:

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), rexistrou esta semana unha pregunta para a súa resposta escrita por parte da Comisión Europea (CE) na que solicita información sobre o impacto na pesca das prospeccións de hidrocarburos que se levan a cabo dende hai anos no Banco de Porcupine, en augas comunitarias irlandesas de grande importancia para a frota de diversos países da UE.

A europarlamentaria lémbralle á CE que “as augas comunitarias irlandesas, especificamente a área do Banco de Porcupine, son vitais para a pesca e nos últimos anos atraeron unha serie de proxectos de prospeccións petrolíferas e gasísticas nos lugares onde opera a frota de varios países da UE”.

Ante esta situación, Senra pide que o brazo executivo da UE lle aclare “con que estudos de impacto sobre os recursos pesqueiros contan estas prospeccións de hidrocarburos realizadas no Banco de Porcupine, así como a superficie específica afectada e o número de proxectos en marcha na actualidade”.A eurodeputada tamén se interesa polos protocolos que deben seguir as compañías petrolíferas e gasísticas no eido ambiental e de conservación dos recursos mariños cando piden autorización para levar a cabo as súas actividades de investigación.