Limpadoras da Xunta volven esixir hoxe no parlamento a fin da discriminación salarial de xénero

Publicado por o día 26/09/2018 na sección de CUT,Sindicatos

Limpadoras da Xunta volven esixir hoxe no parlamento a fin da discriminación salarial de xénero

As traballadoras da limpeza da Xunta concentraranse hoxe ás 11.00 horas diante do Parlamento de Galicia para denunciar por quinta vez a discriminación de xénero que sofren no aspecto económico e social. A xestión deste servizo atópase privatizada a través dunha subcontratación que xestiona na actualidade a empresa Grupo Norte. Os encontros coa compañía ata o de agora non ofreceron avance ningún.

As traballadoras da limpeza da Xunta atópanse nunha situación de discriminación. Ningunha muller ten a categoría de peón especialista -cunha maior retribución salarial- pese representar o 90 por cento do persoal. Por se isto fora pouco, a carga laboral en moitos dos postos que desempeñan as traballadoras é extrema xa que non se están a cubrir as ausencias por baixa laboral, vacacións ou asuntos propios.

Deste xeito, as traballadoras esixen que todas as mulleres cunha antigüidade mínima de tres anos pasen á categoría de peón/a especialista de xeito automático. Avisan á Xunta de que non pararán ata acadar este obxetivo que non só será unha conquista para elas senón tamén para moitas compañeiras que se atopan nesta situación. A discriminación salarial contra as mulleres maquíllase a miúdo con categorías e pluses que dan vantaxes aos homes, pero as compañeiras da limpeza da Xunta din basta e están dispostas a loitar o que faga falta.