Localizada unha muller falecida no interior dunha vivenda onde se detectaron ata catro focos de lume sen relación entre si

Publicado por o día 28/12/2017 na sección de Sucesos

Localizada unha muller falecida no interior dunha vivenda onde se detectaron ata catro focos de lume sen relación entre si

Unha muller apareceu falecida no interior do seu domicilio, onde se declarou un incendio preto das nove desta mañá. Sucedeu nun inmoble situado na Avenida Peirao Besada, no concello pontevedrés de Poio.

Os servizos de emerxencias descartan que a vítima falecera por causas directamente relacionadas co lume, senón mais ben coa posible inhalación de fume ou gases procedentes da combustión, aínda que as forzas de seguridade continúan no lugar recompilando os datos necesarios para esclarecer as circunstancias que rodearon este suceso.

Cómpre salientar que o cadáver foi localizado sen sinais de queimaduras nunha estancia distinta ás outras tres nas que si se atoparon catro focos de lume sen relación algunha entre si.

Neste senso, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo confirmaron a inexistencia dunha relación evidente entre os catro focos, que afectaron a unha habitación na que resultou calcinado parte dun colchón, a outro cuarto na que ardeu outro colchón e outros dous nos que arderon unhas cortinas e unha chapeta apoiada nunha cadeira.

A muller falecida foi localizada pola súa filla, que ao acceder á vivenda decatouse do lume e chamou de inmediato ao 112 Galicia. A partir dese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron un operativo no que participaron os bombeiros do Morrazo e os efectivos do GES de Sanxenxo. Tamén acudiron os axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil da localidade e foron informados os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Pontevedra e do Salnés.