Localizado con vida un pescador tras caer á auga en Cabana de Bergantiños

Publicado por o día 31/08/2018 na sección de Sucesos

Localizado con vida un pescador tras caer á auga en Cabana de Bergantiños

Os servizos de emerxencias localizaron de madrugada a un bergantiñán que caeu á auga cando pescaba. Foi, precisamente, a súa demora en voltar á casa o que puxo en alerta á súa familia, que telefonou decontado ao 112 Galicia para pedir axuda.

A chamada recibiuse no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia ás dez da noite, pero os seus parentes xa o buscaban desde a tardiña. De feito, a última vez que o home se puxera en contacto coa súa dona fora arredor das sete da tarde e a partir dese momento todas as chamadas foron en balde. Ante imposibilidade de falar con el, pediron axuda ao 112, desde onde se avisou a Salvamento Marítimo que activou un operativo de busca. Helicópteros, embarcacións e por terra voluntarios de Protección Civil de Cabana de Bergantiños e os que se foron unindo á busca desde concellos lindantes, como Malpica e Laxe, e tamén os membros do GES de Ponteceso comenzaron os rastrexos ata que ás dúas da madrugada deron co home tirado entre as rochas.

Así, o pescador foi rescatado polo Helimer para ser trasladado ao Aeroporto da Coruña onde agardaban os profesonais sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias para sometelo a un primeiro recoñecemento. O home presentaba algún golpes, pero en todo momento estivo consciente.