Localizado un home que caeu co seu vehículo nunha lameira na contorna da Lagoa de Xinzo

Por o 01/03/2018 | Sección: Sucesos
Localizado un home que caeu co seu vehículo nunha lameira na contorna da Lagoa de Xinzo

Un home pediu axuda ao 112 Galicia para saír dunha zona enlamada na que se meteu accidentalmente co seu vehículo.

Ocorreu ás 22:15 horas de onte, cando o afectado, que circulaba por unha zona de monte entre os concellos de Xinzo e a Porqueira, caeu co seu vehículo nunha lameira. Segundo o condutor, que en todo momento mantivo comunicación cos xestores do 112, os cristais do coche comezaron a estourar, posiblemente a causa do frío, e, pese aos intentos, non foi quen de saír da lama.

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, así como dos voluntarios de Protección Civil de Xinzo e da Porqueira, que iniciaron a busca do vehículo e o seu condutor polos límites entre ambos os dous concellos.

Preto da media noite, o afectado foi localizado nunha zona de monte, dentro do municipio da Porqueira, en perfecto estado de saúde, aínda que con dificultades para retirar o vehículo da lameira.

Unha muller ferida en Lugo
Ademais, na cidade de Lugo, unha muller resultou ferida a causa doutro accidente de tráfico que ocorreu ás 8:30 horas desta mañá no lugar do Burgo.

Segundo os datos facilitados ao 112, tratouse dun turismo que se saíu da vía na estrada que une a cidade coa localidade de Palas de Rei. Como consecuencia do golpe, a condutora resultou ferida e mesmo tivo dificultades para saír do vehículo.

De feito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) informouse aos bombeiros de Lugo, que, finalmente, non tiveron que intervir, xa que a muller abandonou o vehículo coa axuda do equipo sanitario.

Atropelo na Rúa
De novo na provincia de Ourense, o CIAE 112 Galicia rexistrou onte un atropelo a unha muller que se desprazaba pola Plaza de Galicia, na localidade da Rúa.

O sinistro tivo lugar ás 20:40 horas de onte e ata alí desprazáronse os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias para atender á ferida, que presentaba unha brecha na cabeza.

Este operativo activouse despois de recibir no CIAE 112 a chamada dun dos implicados no accidente que acudiron a unha casa próxima solicitando auxilio.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.