Localizado o cadáver posiblemente dun home flotando no Río Miño, en Toen

Publicado por o día 30/03/2018 na sección de Sucesos

Localizado o cadáver posiblemente dun home flotando no Río Miño, en Toen

O corpo sen vida probablemente dun home foi localizado en augas do Río Miño, concretamente no lugar de Feá, no concello ourensán de Toen.

Ocorreu pasadas as oito da tarde de onte, cando un veciño da zona atopou o corpo flotando na auga e chamou de inmediato ao 112 Galicia para pedir medios que axudaran ao seu rescate.

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 avisou aos membros do GES de Ribadavia, así como aos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Carballiño, que se encargaron do rescate do cadáver.

Neste senso, os bombeiros indicaron que a corrente e a proximidade do corpo  á beira facilitou o rescate, para o que, finalmente, non foi necesario empregar medios acuáticos.

Ademais, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, que tratarán de coñecer as circunstancias que rodearon este suceso.

Busca dunha muller en Riazor

Por outra banda, na Praia de Riazor, na Coruña, os servizos de emerxencias buscan desde esta madrugada a unha muller duns vinte anos que se meteu na auga nas inmediacións do rompeolas.

O CIAE 112 tivo constancia do suceso ás 5:40 horas de hoxe, cando recibiu unha chamada de auxilio dun particular que indicaba que perderan de vista a unha moza que se meteu una auga preto da corada, onde se separan as praias do Orzán e Riazor.

Nese punto, o grupo acuático dos bombeiros da Coruña teñen instalado un punto para a coordinación das actuacións que se están realizando na zona para tratar de localizar á moza.

Por aire, o Helimer de Salvamento Marítimo rastrexa a praia sen que, polo momento, se obtivesen resultados positivos.

Desde o 112 informouse, tamén, aos axentes de seguridade da Policía Local e Nacional, así como aos servizos sanitarios, que enviaron unha dotación ao punto.

Rescatan ao condutor dun vehículo antes de comezar a arder tras saírse da vía en Cerceda

Varias persoas socorreron onte ao condutor dun turismo que comezou a arder despois de saírse da vía cando circulaba polo lugar da Silva, en Cerceda.

O accidente produciuse ás oito da tarde de onte na estrada que une A Silva con Santa Comba, ao paso polo concello coruñés de Cerceda.

Foi un particular quen alertou da situación mediante unha chamada ao 112 Galicia, na que indicou que lograran sacar ao condutor do vehículo antes de comezara a arder.

De inmediato, o persoal do CIAE 112 avisou aos bombeiros de Ordes, que se centraron na extinción do incendio declarado no turismo.

Igualmente, foron informados os profesionais do 061-Urxencias Sanitarios, que atenderon ao ferido e o evacuaron ao complexo hospitalario de referencia.

Cae unha furgoneta nun patio

Ademais, o 112 Galicia tivo constancia doutro accidente rexistrado en Becerreá que provocou a caída dunha furgoneta ao patio dun edificio.

Sucedeu, tamén, sobre as oito da tarde de onte na Rúa Carlos III do municipio lugués e ata alí desprazouse un equipo médico, que atendeu ao ocupante do vehículo ferido de diversa consideración.

Desde o 112, enviouse aviso aos bombeiros de Sarria, así como aos membros do GES de Becerreá, que confirmaron que o ferido estaba liberado e accesible e, polo, tanto non precisaba dos medios de excarceración para saír do vehículo sinistrado.