Loli Toja: “Incompetencia ou mentira da Xunta coa operación de venta de Ferroatlántica”

Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Política,PSOE

Loli Toja: “Incompetencia ou mentira da Xunta coa operación de venta de Ferroatlántica”

A parlamentaria socialista Loli Toja esixiulle hoxe ao goberno galego que faga públicos os datos de que dispoñe da operación de venda de Ferroatlántica na Costa da morte. Toja presentou unha pregunta oral en Pleno na que advertiu que “precisamos máis información, porque estas operacións xeran incertezas” sobre unha actividade fundamental para o futuro da comarca.

A responsable socialista denunciou “falla de transparencia dun goberno que vive moi cómodo nesta situación de abandono dunha comarca”, e reclamoulles que “escollan entre recoñecer que non sabían nada: iso é incompetencia; ou si que o sabían e agocharon información: iso é mentir”. Reclamoulle ao goberno galego que “deixen a un lado o catálogo de respostas – tipo de “estamos cos traballadores” e “cancións de Juan Pardo: Galicia, Galicia”.

Esixiulle ao goberno galego que expliquen a súa postura diante da operación de venda, tanto se a consideran positiva, e polo tanto “expliquen que van facer para garantir a viabilidade industrial de Ferroatlántica”, ou polo contrario “expliquen que alternativas existen”.

Lembrou que a empresa de Villar Mir obtivo “múltiples beneficios que non repercutiron na mesma proporción na comarca”. Lembrou que foi beneficiaria de concesións públicas supeditadas a xerar postos de traballo, a expropiación dos terreos para construír as centrais, a construción de encoros, o uso en exclusiva do porto de Brens ou o peche da fervenza do Ézaro.

Pola contra, o retorno de investimentos foron “practicamente nulos”, renunciaron a ampliar ou diversificar o emprego e, ademais, “hoxe hai na Costa da Morte máis de 50 viúvas de falecidos por accidentes laborais ou pola silicose causada polos carburos metálicos”.