Londres acolle unha exposición do Camiño de Santiago, que cada ano recibe case 6.000 peregrinos británicos

A día de hoxe, máis de 292.000 peregrinos recolleron a ‘Compostela’, o que supón un incremento de máis do 8% con respecto ao ano anterior
Por o 05/11/2017 | Sección: Turismo
Londres acolle unha exposición do Camiño de Santiago, que cada ano recibe case 6.000 peregrinos británicos

A hospitalidade e acollida do Camiño de Santiago divulgaranse a partir da próxima semana en Londres, coa chegada dunha mostra itinerante organizada por Turismo de Galicia, que está a percorrer con éxito diferentes localidades para afondar na esencia dos valores xacobeos a través da arte.

A exposición poderá visitarse a partir deste luns no Royal Holloway da Universidade de Londres, e chegará a un mercado, o británico, do que Galicia recibe xa preto de 6.000 peregrinos ao ano e que ocupa a oitava posición entre as nacionalidades máis presentes na ruta xacobea, que está a demostrar ser máis internacional e diversificada que nunca. De feito, Galicia acolleu xa este ano a peregrinos de ata 179 nacionalidades diferentes, mentres que o ano pasado a cifra fora de 145.

Entre os 20 países máis presentes no Camiño de Santiago sitúanse, xunto ao Reino Unido, lugares como Italia, Alemaña ou Polonia, así como Estados Unidos, Brasil, Canadá, Australia ou Corea. Ademais, está cada vez máis preto a cifra simbólica dos 300.000 peregrinos xa que a día de hoxe recolleron a Compostela xa máis de 292.000, o que supón un incremento de máis dun 8% con respecto a 2016.

Coa exposición que agora chega a Londres, Turismo de Galicia afonda no seu traballo para difundir os valores xacobeos, como así se enmarca no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa vista posta no Xacobeo 2021. O Plan traballa en oito liñas, de xeito simultáneo, entre as que están a conservación e o mantemento da ruta, a preservación e impulso dos seus valores patrimoniais, a súa consolidación como itinerario sustentable ou a potenciación dos distintos Camiños existentes.

Divulgación

Do mesmo xeito, incídese no reforzo de Santiago de Compostela como meta de todos os itinerarios, a especialización e calidade na atención e acollida aos peregrinos e o fomento da investigación, comunicación e divulgación da cultura xacobea, aspecto, este último, no que incide a exposición que chega agora a Londres.

A mostra realiza unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios por medio dunha selecta colección de fotografías. Obra de Manuel G. Vicente, as imaxes foron tomadas nas últimas décadas e dan mostra da hospitalidade de numerosos voluntarios en albergues e outros puntos do Camiño de Santiago.

Inaugurada en Santiago de Compostela con motivo da apertura do ano Xubilar da Misericordia, a mostra comezou despois unha extensa itinerancia en cidades galegas como Ourense, Mondoñedo, Tui, Samos e Ferrol. Tamén visitou varias igrexas e catedrais do ámbito internacional como Auckland, Durham e Exeter, en Reino Unido.

Tras o seu paso por Londres, a exposición volverá a España, onde poderá ser visitada no Auditorio Maestro Padilla, de Almería.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.