López-Chaves: “A Xunta activou os mecanismos á súa disposición para sortear a anulación do PXOM vigués, agora correspóndelle ao concello o seu desenvolvemento”

O delegado territorial na área de Vigo recorda que a cidade segue á espera da ordenación provisional aprobada en febreiro de 2017 polo Goberno galego
Por o 27/03/2018 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
López-Chaves: “A Xunta activou os mecanismos á súa disposición para sortear a anulación do PXOM vigués, agora correspóndelle ao concello o seu desenvolvemento”

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, puxo hoxe en valor os mecanismos activados polo Goberno galego en materia de ordenación do territorio co obxecto de sortear a anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) na cidade. Neste senso, recordou que foi a Administración autonómica a que, coa Lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou de Excepcional Interese, aprobada en marzo de 2016, e a ordenación provisional aprobada en febreiro de 2017 na lei de acompañamento dos presupostos, deu saída aos grandes proxectos da urbe.

Dúas iniciativas, as referenciadas, coas que a Xunta non só dá amparo xurídico ás licenzas concedidas ao amparo do anulado PXOM de 2008, senón que garante o desenvolvemento urbanístico de ámbitos que quedaron en suspenso tras a decisión do Tribunal Supremo. A modo de exemplo, o representante autonómico referiuse así á ampliación das instalacións de PSA Peugeot Citroën, á avanzada Cidade da Xustiza o á Estación Intermodal. “Proxectos –dixo- que doutro xeito seguirían a día de hoxe atascados”.

Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, López-Chaves advertiu das consecuencias que trae consigo a vixencia dun planeamento urbanístico de fai 25 anos e a inseguridade xurídica que isto implica para a veciñanza e as empresas con intención de instalarse ou crecer na cidade. Fixo referencia así ás licenzas expedidas e ás edificacións que foron legalizadas ao amparo do plan de 2008, que quedaran nun limbo legal sen a “rápida actuación da Xunta”.

“A Xunta activou os mecanismos que tiña a súa disposición para sortear a anulación do PXOM vigués, agora correspóndelle ao Concello o seu desenvolvemento”, afirmou. Tras recordar que o desenvolvemento urbanístico é competencia exclusiva dos concellos, recordou que a cidade segue a esperar pola ordenación provisional, prevista na lei 2/2017.

“A gravidade da situación urbanística en Vigo tradúcese en que nin a veciñanza pode desenvolver os seus proxectos no ámbito vigués nin as empresas os seus plans de futuro en Vigo”, manifestou rotundo López-Chaves, para destacar que desde a Xunta “demos unha solución ao Concello e este non foi quen de aprobar a ordenación provisional”. “Cabe preguntarse -ironizou- se o Goberno local está interesado en ter Plan Xeral ou non”.

Segundo indicou, desde que o Supremo anulara o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, en novembro de 2015, o Goberno local non aportou solución algunha a situación de bloqueo urbanístico, valéndose unicamente das leis aprobadas pola Administración autonómica. Constatou así unha “falla de xestión evidente que retrasou notablemente os tempos para acadar una regulación actual e con garantías xurídicas de seguridade”.

Así, lamentou o varapao que supón que ningunha empresa mostrara interese na redacción do PXOM vigués, xa que o tempo corre en contra. Ao fío, recomendoulle ao Concello vigués que traballe pola cidade e se preocupe polo que verdadeiramente e importante e transcendente.