López-Chaves empraza ao alumnado do obradoiro Moaña Moza a seguir formándose para acceder a un emprego de calidade

O representante autonómico clausurou no municipio pontevedrés o obradoiro de emprego no que se formaron 16 mozos e mozas en deseño gráfico e construción
Publicado por o día 28/03/2019 na sección de Formación,Galicia,Moaña,Xunta de Galicia

López-Chaves empraza ao alumnado do obradoiro Moaña Moza a seguir formándose para acceder a un emprego de calidade

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou onte no acto de clausura do obradoiro de emprego Moaña Moza, unha iniciativa que apoiou a Xunta en colaboración co Concello e grazas á que 16 menores de 30 anos recibiron formación de calidade e puideron acceder a un emprego.

Concretamente, o alumnado recibiu cualificación de cara a mellorar a súa empregabilidade e favorecer a súa incorporación ao mercado de traballo nas especialidades de deseño de produtos gráficos e pintura decorativa en construción. Neste senso, o representante autonómico recordou que os obradoiros de emprego permiten, ademais, aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

López-Chaves, que acudiu a entrega de diplomas acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, reafirmou o compromiso da Xunta cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais e actuais do tecido empresarial e, respecto a xuventude, comprometeuse a seguir impulsando o emprego entre a mocidade, “un colectivo prioritario para a Administración autonómica”.

Tras resaltar o obxectivo do Goberno galego de reforzar os programas que favorezan o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, dirixiuse á alcaldesa Leticia Santos para pór en valor a importancia da colaboración entre as administracións públicas na procura de emprego de calidade, formación, capacitación e orientación laboral.