López-Chaves: “O alcalde de Vigo leva case 12 anos negándolle aos vigueses e viguesas a biblioteca pública do Estado”

O delegado da Xunta lamenta o descrédito da Administración local respecto a esta infraestrutura cultural, da que chegou a anunciar ata sete localizacións distintas
Por o 10/10/2018 | Sección: Galicia,Vigo
López-Chaves: “O alcalde de Vigo leva case 12 anos negándolle aos vigueses e viguesas a biblioteca pública do Estado”

“O compromiso do Goberno galego coa futura Biblioteca Pública do Estado en Vigo é incuestionable”. Así o manifestou hoxe o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, tras cuestionar o alcalde vigués as intencións da Xunta respecto a esta infraestrutura cultural.

O representante autonómico defendeu que foi precisamente a inacción do Concello a que levou á Administración galega a ofrecer gratuitamente os terreos dos actuais xulgados para albergala. Pola contra, sinalou que a suposta vontade do goberno socialista non deixa de ser un exercicio de fe, “tendo en conta que leva case doce anos negándolle aos vigueses a súa construción”, afirmou.

López-Chaves, após recordar que foi a actual vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, a que, como ministra de Cultura no 2006, rexeitou esta posibilidade alegando que Vigo non era capital de provincia, ironizou co “baile de localizacións ao que asistimos desde entón os vigueses”. Ata sete situacións distintas chegou a enumerar o delegado territorial, entre as que citou o antigo colexio Cluny, un edificio singular na Praza do Rei, a Escola de Artes e Oficios, o Auditorio Mar de Vigo, a Panificadora, Navia e a última proposta en terreos anexos aos actuais xulgados. Terreos que, segundo destacou, nunca foron cedidos á Xunta de Galicia, pese a que así o anunciara o alcalde.

“Se en todos estes anos foron incapaces de pór en marcha esta infraestrutura, non temos motivos para crer que agora será distinto”, subliñou. “Doce anos perdidos”, aseverou, ao tempo que recriminou que a última proposta do alcalde vigués chegara días despois de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, viaxaran a Madrid para comunicar a cesión do actual edificio dos xulgados, que quedará baleiro cando bote a andar a Cidade da Xustiza.

Dito isto, insistiu no compromiso inalterado da Xunta con esta dotación, e apuntou que a alternativa de construción dun novo edificio, segundo a última proposta do goberno local, suporía un retraso considerable na súa posta marcha e un maior coste para as arcas públicas. Tampouco axuda a axilizar os prazos de execución, dixo, a situación urbanística na que se atopa a nova construción en Vigo, derivada da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en sentenza firme do Tribunal Supremo no 2015, sen que desde entón se produciran avances significativos por parte do Concello na redacción do novo plantexamento urbanístico.

Por último, o delegado recordou que a xestión da nova biblioteca sería asumida polo Goberno galego e o obxectivo é comezar a súa posta en marcha cando estea plenamente operativa a nova Cidade da Xustiza, que concentrará no antigo Hospital Xeral todas as dotacións xudiciais da cidade, grazas a un investimento de arredor de 30 millóns de euros por parte da Administración autonómica, que permitirá recuperar para os vigueses un edificio emblemático e destinalo a usos xudiciais.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.