O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse onte ata o municipio pontevedrés do Porriño para felicitar ao alumnado que vén de rematar a súa formación no Porriño Social, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello porriñés.
No acto de clausura, o representante autonómico animou aos 16 menores de 30 anos que nos últimos seis meses recibiron formación en atención sociosanitaria a persoas con dependencia, a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brindou” e a seguir mellorando a súa cualificación para acceder a un posto de traballo. Ao fío, recordou que os obradoiros de emprego permiten, ademais, aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Tras resaltar o obxectivo do Goberno galego de reforzar os programas que favorezan o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, dirixiuse á alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, para pór en valor a importancia da colaboración entre as administracións públicas na procura de emprego de calidade, formación, capacitación e orientación laboral.
López-Chaves reafirmou así o compromiso da Xunta cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais e actuais do tecido empresarial e, respecto a xuventude, comprometeuse a seguir impulsando o emprego entre a mocidade, “un colectivo prioritario para a Administración autonómica”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.