López-Chaves salienta o bo avance da obra de rehabilitación de Cruz Verde 12, con dúas novas vivendas no Casco Vello Alto vigués

O presidente do CCVV e delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, acentúa que esta nova construción adáptase a demanda de vivendas máis amplas
Publicado por o día 24/06/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

López-Chaves salienta o bo avance da obra de rehabilitación de Cruz Verde 12, con dúas novas vivendas no Casco Vello Alto vigués

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegado territorial, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata unha das últimas promocións que o ente rehabilitador ten en marcha no barrio histórico, salientando o bo avance dos traballos que se están a acometer en Cruz Verde 12.

Segundo informou, unha vez finalizada a obra poranse no mercado dúas novas vivendas de promoción pública de tres habitacións e un local comercial nesta popular rúa do barrio histórico vigués, dando resposta á demanda de vivendas más amplas, “nun efecto chamado -dixo- á incorporación de familias con nenos na zona”. En canto a orzamento, recordou que o CCVV conta con 344.141,76 euros para a súa rehabilitación, que ten un prazo de execución de doce meses.

A edificación sobre a que se está a levar a cabo esta nova intervención do organismo rehabilitador estaba formada por planta baixa e tres pisos e sitúase sobre unha parcela de aproximadamente 85 metros cadrados. Tras a súa compra en xuño de 2016 o CCVV tivo que proceder ao seu baleirado interior dado o seu mal estado de conservación, polo que o proxecto agora aprobado consiste na súa rehabilitación integral para adecualo ás condicións de salubridade, hixiene, illamento e seguridade mínimas necesarias. En consecuencia, procederase á modificación da súa volumetría orixinal a fin de adecuala á normativa actual. As principais modificacións serán o cambio de configuración da cuberta, que pasa a ser a dúas augas; e a diminución do fondo construído, que se reduce aos doce metros marcados na súa ficha de edificación.

Modificación da estrutura

A distribución final agora recollida no proxecto contempla a localización na planta baixa dun local comercial e a zona de acceso común ás vivendas. Na planta primeira e a parte dianteira da segunda planta créase unha vivenda unifamiliar de tres estancias, en tanto que a parte posterior da segunda planta e a totalidade da terceira acollerán outra vivenda unifamiliar, tamén de tres estancias. A rehabilitación afecta tamén á estrutura do edificio e implica basicamente a nova cimentación dos piares metálicos e do foso do ascensor; a modificación da soleira para o seu correcto illamento e a

canalización das instalacións necesarias; unha nova estrutura en todos os pisos a base de forxados de chapa sobre vigas metálicas apoiadas nas actuais medianeiras ou en novos alicerces metálicos; e a renovación da cuberta de tella de acordo coa volumetría fixada na súa ficha do PEPRI e fachada traseira, con ocos necesarios para a ventilación e iluminación das habitacións. En canto a rehabilitación da fachada a Cruz Verde, contemplase a restauración dos elementos de forxa, a apertura do oco tapiado no seu día e a reposición da galería do terceiro piso e das carpintería de madeira.

Coa aprobación este mes do proxecto de rehabilitación de Elduayen 31, son catro as promocións que o CCVV, organismo participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, ten en distintas fases de execución na actualidade. Trátase, ademais da citada, das edificacións de Cruz Verde 12, Abeleira Menéndez 16 e Berbés 41.

Asemade, nestes intres atópase en fase de adxudicación unha vivenda en San Sebastián 24, para a que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) abriu recentemente o proceso de presentación de solicitudes.

No conxunto do barrio, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva adquiridos 78 inmobles, dos que 60 xa foron rehabilitados e catro están en execución. Rehabilitáronse 106 vivendas, das que 92 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 14 restantes en fase de concurso.

Comentar noticia

Your email address will not be published.