López-Chaves visita as obras das comunidades de usuarios do Porriño que a Xunta subvencionou con preto de 58.000 euros

A convocatoria, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano, contou para 2017 cun orzamento de case 1,5 millóns de euros
Publicado por o día 25/05/2017 na sección de Galicia,O Porriño,Vigo

López-Chaves visita as obras das comunidades de usuarios do Porriño que a Xunta subvencionou con preto de 58.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe as obras de mellora en dous das seis comunidades de usuarios do Porriño que resultaron beneficiarias da orde de axudas destinada a apoiar os proxectos impulsados por estas entidades. Actuacións que no caso deste concello supuxeron preto de 58.000 euros na convocatoria do ano pasado. No acto estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, polo tenente de alcalde do Porriño, Manuel Carrera, e polo presidente da Entidade Local Menor de Chenlo, Alejandro Lorenzo.

O representante do Goberno galego na área territorial de Vigo comprobou de primeira man as melloras realizadas pola comunidade de usuarios de Chenlo, á que lle concederon unha axuda de 5.529 euros para melloras na rede de abastecemento de augas, e á comunidade de augas San Xurxo de Mosende, cun total de 15.000 euros dedicados á mellora da eficiencia das instalacións para o tratamento de auga potable.

A convocatoria de axudas, que Vicepresidencia da Xunta puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, dispón para 2017 dun orzamento de case millón e medio de euros, o que permitirá ás máis de 130 entidades beneficiarias realizar investimentos, tanto de obra coma de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso; así coma en camiños e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese dos habitantes da contorna, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Deste xeito, contribúese a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza, xa que todas estas organizacións traballan moi apegadas á cidadanía e ás súas demandas.