López-Chaves visita o Centro Sociocomunitario de Pi y Margall de Vigo, que conta cuns 1.000 usuarios e usuarias anuais

Os 9 centros da área mobilizan uns 10.000 usuarios en conxunto aos que lles ofrecen máis de 200 actividades
Publicado por o día 22/05/2017 na sección de Social,Vigo,Xunta de Galicia

López-Chaves visita o Centro Sociocomunitario de Pi y Margall de Vigo, que conta cuns 1.000 usuarios e usuarias anuais

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro coa directora do Centro Sociocomunitario de Pi y Margall na cidade, Lucía Lorenzo Trobo, co obxectivo de interesarse polas actividades desenvolvidas das que se benefician anualmente uns 1.000 veciños e veciñas, cunha media de 500 usuarios ao mes.

Logo de se ter reunido no pasado mes de febreiro cos directores e directoras dos centros sociocomunitarios de Vigo e a súa área de territorial, o representante do Goberno galego iniciaba en abril unha rolda polos devanditos centros que arrancaba en O Porriño. Segundo lle trasladou a responsable destas instalacións nelas realízanse, entre outros, cursos de manualidades e pintura, canto coral, habilidades sociais e memoria, taichi ou ioga, cunha grande demanda entre os usuarios.

A área territorial de Vigo conta cun total de 9 centros sociocomunitarios: tres en Redondela, Baiona e O Porriño mentres que no caso da cidade olívica, existen 6. Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi y Margall, Teis e O Calvario son as instalacións polas que, de media, adoitan pasar unhas 1.000 persoas ao ano para se beneficiar das súas actividades ou para gozar doutros servizos que se ofrecen coma a biblioteca, sala de xogos ou de prensa.

En total, os 9 centros sociocomunitarios mobilizan entre 9.000 e 10.000 usuarios anuais aos que, de xeito global, lles ofrecen máis de 200 actividades. Cursos de taichi, bolillos, informática, inglés, música, obradoiros de cerámica, de costura ou cociña, entre outros moitos, súmanse ás excursións, charlas ou conferencias que todos os días se ofertan nestas instalacións que dependen da Consellería de Política Social.