A Xunta segue a recoller as achegas dos principais sectores de actividade económica afectados pola crise sanitaria cara a configurar o 2º Plan de Rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros para o que o Goberno autonómico xa comprometeu un mínimo de 50 millóns de euros. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia co novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e representantes de UXT e CCOO -integrantes do diálogo social- e , por outra banda, cos interlocutores da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia.
A prioridade do Goberno galego pasa por que o pago das axudas chegue canto antes aos sectores afectados pola pandemia. Por iso, Lorenzana instou a deputacións e concellos a acadar mañá un acordo para “sumar esforzos” e apoiar aos colectivos que peor o están pasando como consecuencia da crise sanitaria.
A Xunta está a manter unha intensa axenda cos representantes dos sectores afectados para consensuar a nova convocatoria de axudas. A titular de Emprego e Igualdade lembrou que a eses 50 millóns de euros comprometidos pola Xunta para o segundo Plan de rescate súmanse os 86,2 millóns do primeiro Plan; e con respecto ao fondo común que se está a debater con concellos e deputacións para ampliar o orzamento do Plan indicou que o obxectivo do Goberno galego é “sumar cartos e non entrar en porcentaxes”.
A conselleira resaltou, neste senso, que se trata de poñer a disposición dos sectores o diñeiro preciso o tempo que sexa necesario, e non de limitar as aportacións a unha porcentaxe concreta. Ao respecto, explicou que os 86,2 millóns de euros do primeiro Plan supoñen o 36% do orzamento de toda a Consellería de Emprego do pasado ano. Lorenzana expuxo que o fondo común, proposto polos propios hostaleiros, supón “unha colaboración para sumar cantos máis cartos mellor para que as axudas cheguen a meirande parte dos negocios que se están vendo afectados polas restricións imprescindibles adoptadas pola crise sanitaria”.
A conselleira apelou, así, ao consenso na nova xuntanza prevista para mañá mesmo á que asistirán de novo a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e representantes das entidades provinciais.
Canle permanente de diálogo
O Goberno galego mantén, con todo, a súa folla de ruta baseada no consenso cara a deseñar o 2º rescate. As xuntanzas de hoxe constitúen unha mostra deste traballo, e se veñen sumar aos encontros mantidos nas últimas semanas tamén co Clúster de Turismo e a Mesa negociadora da hostalería, na que están representadas as asociacións provinciais do sector.
Todos estes contactos responden ao compromiso do Goberno galego de manter aberta unha canle permanente de diálogo para coñecer as necesidades dos colectivos profesionais e analizar as súas achegas para mellorar a súa situación económica derivada da crise sanitaria.
Axilidade nas axudas
A Xunta mantén o seu compromiso de activar en febreiro as novas axudas directas: con menos requisitos máis rápidas, acumulables e complementarias co 1º Plan de Rescate e co resto dos apoios anticovid do Goberno galego.
Unha das novidades consiste en que os autónomos non terán que acreditar prestación por cese de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar aos cartos. No caso da hostalaría, os apoios faranse extensivos aos establecementos que deban permanecer pechados por recomendación sanitaria pero tamén aos que soamente poidan poder servir comidas e bebidas en terrazas, para levar, ou envío a domicilio.
En noventa días, a Xunta terá destinado cerca de 140 millóns de euros a pagos directos para axudar aos sectores máis afectados pola pandemia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.