Lorenzana subliña a vertente tecnolóxica das novas lanzadeiras de emprego como clave para favorecer a empregabilidade

Un total de 85 mulleres e 33 homes de entre 20 e 60 anos sen emprego participan nesta iniciativa que fomenta a orientación laboral e a formación transversal
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Emprego,Xunta de Galicia

Lorenzana subliña a vertente tecnolóxica das novas lanzadeiras de emprego como clave para favorecer a empregabilidade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe desde Santiago de Compostela nun encontro virtual coas Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Santiago de Compostela, Carballo, Ourense, Pontevedra e Vigo estreadas o pasado novembro. Aproveitou a ocasión para enxalzar o papel deste instrumento formativo para a creación de emprego estable, “clave” de cara a recuperación.

As Lanzadeiras Conecta Emprego están apoiadas pola Xunta e impulsadas pola Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica. É un programa gratuíto de orientación laboral para guiar a persoas en situación de desemprego para reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas co obxectivo de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, para adaptalas ás demandas do mercado laboral.

En novembro estreáronse na Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo para acompañar a persoas desempregadas na súa procura de emprego e estarán operativas ata abril de 2021. Contan coa participación de 85 mulleres e 33 homes en situación de desemprego de entre 20 e 60 anos.

O programa adquiriu unha vertente máis tecnolóxica e próxima á realidade a través da formación en competencias dixitais, algo que, a xuízo da conselleira “supón un verdadeiro valor engadido de cara á empregabilidade dos participantes”. “O mercado laboral actual demanda este tipo de perfís: transversais, cun alto grao de adaptabilidade e onde os coñecementos tecnolóxicos marquen a diferenza”, subliñou Lorenzana, quen referendou a idea de que a pandemia “non fixo senón consolidar, e incluso acelerar, esta dinámica”.

As Lanzadeiras Conecta Emprego son gratuítas e están abertas a participantes de entre 18 e 60 anos en situación de desemprego, con independencia do seu nivel de estudos e experiencia profesional previa, que poden ter ou non.

O programa está deseñado en formato mixto, co que os participantes asisten a sesións virtuais e presenciais, con todas as medidas de seguridade, hixiene e distancia social. Durante a formación contan co apoio e o asesoramento de técnicos especializados que lles aportan competencias para realizar un itinerario integral de procura de emprego, actualización de currículo, simulación de entrevistas e contacto con empresas.

A experiencia da Xunta con estes instrumentos reflicte o éxito nos últimos anos nos que as diferentes lanzadeiras de emprego conseguiron un 60% de media de inserción laboral, obxectivo último destas iniciativas encamiñada a mellorar a ocupación dos beneficiarios. Estes bos resultados, segundo Lorenzana, evidencian a eficacia do programa “en termos de formación e contratación”.

12,45 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participará na apertura dun encontro virtual coas Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Santiago de Compostela, Carballo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Na sala de xuntas da Consellería do edificio administrativo de San Lázaro (terceiro andar).
foto xoán crespo
27/01/2021

Ferramenta para a reactivación

Lorenzana incidiu na importancia destes programas cara a reactivación económica tras a emerxencia sanitaria. “Na Xunta de Galicia somos plenamente conscientes do delicada que é a situación que estamos a vivir e sabemos tamén que a reactivación económica pasará de maneira ineludible pola creación de emprego, empregos estables e de calidade que acheguen un valor tanto á sociedade como ás persoas que o desenvolven”, indicou.

A área de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social conta este 2021 cuns orzamentos que aumentaron un 88% respecto do ano anterior, o que se traduce en máis de 184,6 millóns de euros. Segundo a conselleira, estes orzamentos permitirán “traballar e colaborar cunha gran variedade de programas dos que, esperemos, se beneficie a sociedade galega”.

O Goberno galego aposta “por non deixar a ninguén atrás, pola inclusión das persoas con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, como os mozos e mozas e as persoas en paro de longa duración, a través de programas tan consolidados coma o Galicia Emprega”, lembrou Lorenzana. “A nosa proposta coincide plenamente cos obxectivos que perseguen as recentemente estreadas Lanzadeiras Conecta Emprego, e de aquí xurde a nosa predisposición a colaborar cada ano coa súa viabilidade e desenvolvemento”, engadiu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.