A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia en Santiago de Compostela na reunión convocada pola ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, xunto co resto de conselleiros da área laboral, na que amosou a súa preocupación, xa que a día de hoxe non se coñece o orzamento que recibirá Galicia en materia de emprego a través dos fondos europeos Next Generation, nin tampouco os criterios de reparto. Lorenzana urxiu ao Estado a que convoque o antes posible a Conferencia Sectorial de Emprego, xa que é o órgano competente para a distribución destes fondos correspondentes ás políticas activas de emprego.
A conselleira explicou, ademais, que a intención do Estado é executar directamente parte destes cartos, o que afirmou que “lle preocupa, xa que as competencias nesta materia son das comunidades autónomas”. Por iso, insistiu na necesidade de coñecer os criterios que vai utilizar o Estado para executar directamente parte destes fondos “tan necesarios neste ano 2021”, engadiu.
Na xuntanza celebrada hoxe se abordou tamén a nova Estratexia Española de Emprego, que, en palabras da conselleira, ten “unha parte fundamental” relativa ás políticas de formación para o emprego. Ao respecto, criticou a falta de coordinación entre os ministerios de Educación e Traballo nesta materia e tamén o descoñecemento que existe sobre a contía e os criterios de reparto ao respecto. Así mesmo, a titular de Emprego destacou que as comunidades autónomas tampouco están informadas sobre a posibilidade de traspaso de fondos de emprego a formación, “unha flexibilidade moi necesaria neste novo contexto socioeconómico”.
Para a Xunta, os fondos europeos Next Generation son unha oportunidade para levar a cabo proxectos que xerarán empregos e para permitir unha renovación do Sistema Público de Emprego de Galicia. A Consellería de Emprego e Igualdade ten como obxectivo prioritario dixitalizar “por completo” este sistema, utilizando, para iso, a intelixencia artificial ou a analítica avanzada para conseguir adaptar a oferta de traballo á demanda empresarial. O reto é neste novo contexto sociolaboral detectar con tempo os novos nichos de traballo e as demandas do tecido empresarial para, a partir de aí, orientar a formación para o emprego cara os novos perfís laborais que se demanden.
Os fondos europeos, ademais, son para o Goberno galego unha oportunidade para adaptar a formación a través dunha aula dixital co propósito de que a cualificación dos traballadores cara os empregos de futuro sexa o máis rápida posible e chegue a todas partes, ao medio rural.
Next Generation nace para dar resposta a un novo contexto marcado pola covid-19 para facer fronte ao reto sanitario, económico, social e medioambiental. Galicia, neste senso, ten o traballo adiante para poder optar aos fondos, xa que presentou ao Estado unha selección inicial composta por un total de 108 iniciativas que mobilizarían máis de 9.400M€ grazas á colaboración público-privada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.