Lores aborda co sector a posibilidade de dotar a cidade de novos espazos culturais

O candidato Miguel Anxo Fernández Lores mantivo un encontro con escritores/as, creadores, promotores… culturais no que destacou a importancia de seguir apostando polo sector que pretende que eclosione no vindeiro mandato.
Por o 14/05/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Pontevedra
Lores aborda co sector a posibilidade de dotar a cidade de novos espazos culturais
Compartir en:

O candidato á Alcaldía Miguel Anxo Fernández Lores participou onte a tarde nun faladoiro con escritores, escritoras, creadores, promotores… culturais vinculados coa cidade de Pontevedra e coa lingua galega coincidindo coa semana das Letras. Ao encontro organizado no café Tabula Rasa, da rúa Marquesa, o candidato acompañado pola escritora Ana Cabaleiro, Carmen Fouces, Carme da Silva e Alberto Oubiña -membros da lista- puido intercambiar opinións e necesidades do mundo cultural na cidade con Tamara Andrés, Montse Fajardo, Ramón Rozas, Pablo Zentolo, Adolfo Caamaño, Xosé Monteagudo, Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Elisabeth Oliveira, Kiko da Silva, Quique Mauricio, Carlos Taboada, Joanna Lorenzo, Francisco Calo Lourido, Buenaventura Aparicio, Xaime Toxo, Rafael Quintía, Xosé Álvarez Castro, Afra Torrado, Ramón Regueira, Henrique Egea e Xosé Ramón Couto.

O candidato explicou que era unha máxima dos seus gobernos “escoitar á xente” e abrir o debate para saber “o que se pode facer” para seguir enriquecendo, neste caso, o eido cultural da cidade.

Foron varias as suxestións e propostas que presentaron os participantes no encontro, dende a creación dunha plataforma que permita coordinar a ampla axenda cultural da que dispón a cidade e así pór “sobreaviso” aos promotores das diversas actividades que se organizan cada día na cidade e que non coincidan, até unha publicación periódica que acolla a o acervo cultural e de coñecemento de Pontevedra.

Todos eles coincidiron en que Pontevedra era unha cidade “viva” dende o punto de vista cultural, que o candidato pretende que eclosione nos vindeiros anos. Para iso recolleu propostas como a creación dun “puntazo” cultural aproveitando sinerxías entre as distintas empresas ou creadores para realizar un proxecto, ou ben sacalo adiante co respaldo institucional do Concello. Tamén se propouso a posibilidade de manter encontros periódicos (cada varios meses) para manter o contacto co sector e ir pulsando as súas propostas.

Outra petición xeralizada foi dotar ao sector dun equipamento céntrico que sirva de contedor para a numerosa actividade cultural que ten a cidade. O candidato explicoulle que existen varias opcións que poden cumprir eses requisitos, como por exemplo, compatibilizar os usos institucionais da Casa Consistorial con esa actividade cultural (presentación de libros, conferencias…), unha vez que estea rehabilitada, entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.