Lores abre a campaña municipal revindicando aos pontevedreses como creadores da súa cidade

O candidato Miguel Anxo Fernández Lores participou esta mañá na presentación da campaña das locais en Santiago poñendo a Pontevedra como exemplo da xestión que fan os concellos do BNG.
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Pontevedra

Lores abre a campaña municipal revindicando aos pontevedreses como creadores da súa cidade

O candidato á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou esta mañá na presentación da Campaña do BNG ás eleccións municipais que se celebrou en Santiago de Compostela, nun acto no que acompañou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e aos candidatos das cidades e vilas galegas que o BNG presenta a estes comicios.

Miguel Anxo Fernández Lores dirixiuse aos presentes recordando que “alí onde o BNG goberna, os concellos son referente de moitas cousas, e é por unha cuestión fundamental: porque somos nacionalistas, porque temos confianza no noso país, nos nosos concellos e na nosa xente; porque traballamos arreo atendendo a todo o mundo e buscando un futuro mellor de calidade de vida para os nosos veciños”.

Explicou que na súa andaina polo mundo para explicar o modelo de Pontevedra “dinme que isto o podería facer calquera forza política. Eu dígolles que non, porque elaboramos un proxecto serio e rigoroso, participado por moita xente que dá ese resultado. Os outros copian acriticamente o que hai no mundo, e nós vemos o que hai para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e adaptámolo ás características das nosas cidades”.

“Aínda que o mellor está por vir, estou orgulloso de ter un premio como o da ONU ou o de Nova Iorque porque estamos falando de medio ambiente, calidade de vida, loita contra a violencia viaria, de moitas cousas… Con ese convencemento votar BNG é votar futuro”, explicaba o candidato de Pontevedra no acto celebrado esta mañá.

Metido de cheo en campaña, Miguel Anxo Fernández Lores reunirá esta noite a toda a candidatura, militantes e simpatizantes no Cafetín da Alameda para manter un encontro con todos e todas elas antes da tradicional pegada de carteis coa que arranca a campaña electoral. Animará a todos e todas a participar activamente, a non quedar na casa, a trasladar a os veciños e veciñas a confianza na cidade e no seu concello, a reivindicar aos pontevedreses capaces de facer unha cidade para a que mira todo o mundo, garantindo que “o mellor está por vir”.