Lores destaca a importancia da visibilización do comercio local para facer cidade

Partindo da crise xeral do sector, o candidato do BNG estudará a creación dunha plataforma online de venta do comercio local e manterá o fío directo do sector para coñecer en todo momento as súas demandas.
Publicado por o día 15/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Pontevedra

Lores destaca a importancia da visibilización do comercio local para facer cidade

O candidato á Alcaldía, Miguel Anxo Fernández Lores comprometeuse esta mañá a manter o apoio, a promoción e a visibilización do sector comercial da cidade, que é o segundo que xera máis emprego no concello (despois da administración) con máis de 8.000 postos de traballo. Fixo un apoio expreso ao comercio local nun paseo acompañado de boa parte da candidatura no cruzamento das rúas Daniel de la Sota, Peregrina, García Camba e Glorieta de Compostela.

Consciente da crise que vive o comercio en todo o mundo “froito da globalización e da venta online que impide manter un comercio local clásico”, o candidato do BNG explicou que a aposta por crear un gran centro comercial urbano, deixando fóra as superficies comerciais e a mellora do espazo público “favorece ao comercio local”. De todos os xeitos apostou por “pelexar” medidas como o cuestionamento das rebaixas permanentes ou a fiscalidade de certas plataformas de venta online “que compiten de maneira non desexable”.

Neste ámbito, Fernández Lores apuntou a posibilidade de crear unha plataforma local en Pontevedra que permita ao comercio facer unha venta online máis facilmente. E comprometeu seguir mantendo o contacto directo cos comerciantes da cidade para saber o que demandan en todo momento e que conten o apoio do Concello.

Lembrou que nestes anos o incremento das rúas comerciais na cidade foi considerable, e a modo de exemplo falou da rúa Virxe do Camiño “exemplo de revitalización do comercio cando se actúa no espazo público”, pero tamén noutros puntos como o barrio Leste.

Lores concluíu que “a visibilización do comercio fai cidade, xera cohesión social, xera moito emprego e vai na liña dunha cidade 4.0, creativa, de servizos e innovadora, que é o que queremos para Pontevedra”.

Anabel Gulías

A número 2 da candidatura e actual concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías explicou que “en catro anos démoslle unha volta completa ao sector en colaboración cos comerciantes, que en seguida se puxeron a disposición do Concello para novos proxectos e ideas”.

A pesar das escasas competencias das que dispón a administración municipal no ámbito da promoción económica e tendo en conta a crise estrutural de escala mundial que vive o sector do comercio “nós facemos propostas concretas. Creamos programas como A pé de rúa, Pontevedra capital shopping, Rizando o rizo, o Puntazo… e queremos seguir traballando e colleitar éxitos”.

A aposta pola promoción comercial tamén se realiza noutras áreas municipais como no urbanismo a través da ordenanza de simplificación administrativa que permite abrir un local comercial en 15 días; os axentes de desenvolvemento local que asesoran ao comercio; ou o plan Remuda que permitiu facer un banco de locais en situación de xubilación aproveitando toda a bagaxe dos que deixan de estar ao fronte.