Lores en Cangas: “este premio énchenos de orgullo porque nolo dan na casa”

O Concello de Cangas recoñece a Pontevedra polo traballo realizado en seguranza viaria e mobilidade urbana sustentable

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle recolleron sendas distincións outorgadas polo Concello de Cangas, en recoñecemento ao traballo realizado en materia de seguranza viaria e mobilidade urbana sustentable. “Recibimos premios en case todos os continentes do mundo pero este de hoxe énchenos de orgullo porque é un premio que nos dan na casa, e na casa non é doado que che dean premios” afirmou Fernández Lores.

O alcalde de Pontevedra agradeceu a distinción, que foi aprobada pola Xunta de Goberno de Cangas con motivo da Semana Europea da Mobilidade, e explicou que “o máis importante do noso modelo de cidade é que o fixemos posible nós, os galegos, desde Pontevedra, que non veu ninguén de fóra a dicirnos como se facía, e agora somos referencia”. Fernández Lores tamén inscribiu o traballo realizado nestes 20 anos “no amor ao país e en querer facer cousas polo país, e ese amor demóstrase traballando na mellora da calidade de vida da xente”.

Lores aproveitou a súa intervención para animar ao alcalde de Cangas a traballar na liña da recuperación dos espazos públicos “porque os Concellos temos moi poucas competencias, pero entre as que temos están precisamente as de espazos públicos e mobilidade”. Asegurou que calmar o tráfico e recuperar os espazos públicos “vale a pena” e que ademais é percibido “moi positivamente pola cidadanía”. “Eu do que estou máis satisfeito é desa sensación perceptible nas pontevedresas e nos pontevedreses que se ve que están orgullosos da súa cidade”, afirmou.

O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, recolleu a distinción de mans  da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, en calidade de veciño desta localidade do Morrazo e tamén como lembranza aos seus inicios profesionais como xefe da Policía Local de Moaña. Na súa intervención de agradecemento, Macenlle asegurou ser “un privilexiado que traballa para a mellor empresa do mundo: a colectividade” e que “se pos á xente no centro da túa actividade todo é moito máis doado”. Fixo unha defensa da recuperación dos espazos públicos priorizando as persoas e agredeceulle ao alcalde e ao goberno de Pontevedra “que me deran a oportunidade de subirme a este carro” e que lle concedan “a honra de representar a Pontevedra para explicar o modelo da cidade” en distintos foros e xornadas.

Pola súa banda, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos lembrou que “cando cheguei a Pontevedra para estudar Maxisterio, fai moitos anos, era unha cidade invivible” e comparouna coa situación actual, na que é referencia de cidade amable e acolledora. “O modelo de Pontevedra é unha referencia para nós e nesa loita estamos, na que acadar espazos compatibles para os coches e para as persoas e, sobre todo, para a rapazada” concluíu.

No acto de entrega das distincións, ademais do alcalde de Cangas e a alcaldesa de Moaña, tamén participaron concelleiros e concelleiras de ambas corporacións, a concelleira de Protección Cidadá e Sostemento dos Espazos Públicos Urbanos de, Eva Vilaverde, o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e un grupo de alumnado de primaria do CEIP Nazaret de Cangas.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM