Lores presenta as infraestruturas “básicas” para que Pontevedra “siga medrando”

No miradoiro da avenida de Marín, o candidato Miguel Anxo Fernández Lores lembrou a necesidade de recuperar a ría, trasladando Ence.
Por o 14/05/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Pontevedra
Lores presenta as infraestruturas “básicas” para que Pontevedra “siga medrando”

O miradoiro da avenida de Marín foi o lugar escollido polo candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores para presentar as propostas da súa candidatura para dotacións e infraestruturas “básicas para que esta cidade, o concello e a comarca teñan futuro e sigan medrando”. Acompañado dunha boa parte do seu equipo, Lores manifestou que “son actuacións que sen facelas é moi difícil dar un salto adiante que é o que queremos facer no próximo mandato”.

O escenario non era casual. O candidato explicou que o piar fundamental é “a recuperación da ría”. Unha vez desaparecidas Tafisa e Elnosa, sostivo Lores que era “imprescindible que se vaia Ence para recuperar a ría na súa amplitude, extensión e creando actividade económica relacionada co marisqueo, turismo, a unión de Pontevedra con Marín, a recuperación do arboredo de Lourizán e do seu pazo, un activo importante estragado por unha fábrica”.

A avenida de Marín tamén lle permitiu centrar un dos proxectos estrela do BNG “conectar a estrada de Marín coa autovía a través de Mollavao” recuperando a zona da antiga Malvar e continuar o paseo Pontevedra-Marín. “Aínda que non depende de nós -da administración local- faremos un esforzo de xestión e de presión para que iso sexa posible”.

Tamén mencionou a necesidade de rematar a circunvalación de Pontevedra “porque somos a única capital de provincia que non a ten”, e que cumpriría a función de sacar o tráfico pesado da cidade e os seus arredores conectando ben os polígonos industriais de Barro-Meis co da Reigosa-O Campiño, cara Vilaboa-Porriño-Vigo sen ter que cruzar a cidade.

Entre as grandes dotacións da cidade e da comarca, o candidato resaltou a execución do Gran Montecelo que se tería que completar coa variante de Montecelo, unha vez que se está acabando a conexión do Marco co hospital.

De carácter menor pero non menos importantes, Miguel Anxo Fernández Lores mencionou a variante de Alba “da que levamos anos pendente”. Asegurou que esixirá á Xunta a súa execución o que permitirá mellorar a seguridade viaria no Camiño de Santiago ao seu paso por San Caetano.

remodelación do nó de bombeiros ou a senda verde entre Pontevedra e Arcade, completan a lista de infraestruturas básicas que precisa a cidade “sen as que é imposible pensar no futuro”. De feito indicou que “este tipo dotacións, equipamentos e infraestruturas que nos permitirán dar un salto adiante e seguir medrando”.

Tamén asegurou que nas campañas sóese falar de moitas cousas “pero non destas, que son fundamentais para crear un modelo urbano sostible e con futuro”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.