Lores: “Santa Clara é un patrimonio moi apetecible para coñecer e gozar”

Na primeira das visitas organizadas ao mosteiro, pola Concellaría de Patrimonio Histórico que dirixe Xaquín Moreda, o alcalde confirma os contactos coa Congregación e mantén o interese en seguir abrindo a horta á cidade.
Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Lores: “Santa Clara é un patrimonio moi apetecible para coñecer e gozar”

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participou esta mañá na primeira das visitas organizadas pola Concellaría ao mosteiro de Santa Clara, no centro da cidade, e incluída dentro do programa de Patrimonio Invisible que organiza o Concello.

Logo dunha hora coñecendo o interior do mosteiro: claustro, cemiterio, horta, coro alto, coro baixo e a igrexa, e un unha morea de detalles e curiosidades do mosteiro, o alcalde explicou que “a visita foi espléndida na que aprendimos e coñecemos moitas cousas, e coñecer a nosa historia crea autoestima e xera interese pola defensa dese patrimonio”.

O alcalde explicou que se trata dun espazo de 12.000 metros cadrados no centro da cidade “moi apetecible para coñecer e gozar”, pero tamén aclarou que “é propiedade das Clarisas e a decisión final é delas. A nós gustaríanos que este patrimonio non se perdera, e se pode ter uso público ou ser permeable aos cidadáns, moitísimo mellor. Estamos nas fases iniciais (de reunións) e non sabemos en que vai a quedar”. Lembrou que o Concello podería estar disposto a unha futura colaboración transitoria de mantemento mínimo para evitar a perda do patrimonio a cambio do uso dos espazos exteriores (horta), mentres non exista un acordo de venda por parte da Congregación.

De todos os xeitos, confirmou que existen contactos coa Congregación. Os primeiros comezaron fai dous anos por parte do propio alcalde, e dende aquela até agora sucedéronse distintas reunións, as últimas a través do concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, “pero a cousa vai lenta”.

O interese que suscitaron as xornadas de patrimonio invisible entre os veciños e veciñas de Pontevedra foi indiscutible no caso de Santa Clara que nun minuto tiña cubertas as 75 prazas iniciais que se ofertaban, polo que a Concellaría de acordo coa empresa que xestiona as visitas, Xestión Cultural Trivium, acordou crear dous grupos cada hora. A pesar das 150 persoas inscritas, existen 400 en lista de agarda, unha lista que se pechou á media hora de abrirse a inscrición ante a imposibilidade de atender tal demanda.

Ante este éxito, o concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda anunciou esta mañá que está previsto repetir as xornadas de patrimonio invisible e Santa Clara volverá a estar na oferta, ante a máis que evidente demanda.

A Semana do Patrimonio Invisible

A Semana do Patrimonio Invisible, organizada pola Concellaría de Patrimonio Histórico, véñense celebrando de onte. Continúan hoxe e rematarán mañá. Permiten acceder a 5 espazos culturais da cidade que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público.

Nesta primeira edición visitaranse o convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Praceres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar, co obxectivo de achegar o valor do patrimonio cultural de Pontevedra á veciñanza da man de guías especializados.

Fotos

Comentar noticia

Your email address will not be published.