Los Pontiaks poñen o broche final na terceira edición do Galician Freaky Film Festival

Tras dúas xornadas cheas do mellor frikismo cinematográfico, este sábado 26 conclúe a #2 Edition do GFFF.
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Los Pontiaks poñen o broche final na terceira edición do Galician Freaky Film Festival

A #2 Edition do Galician Freaky Film Festival chega ó seu particular fin de festa deste ano despois de dúas xornadas nas que o protagonismo recaeu na gran asistencia de público que quedou abraiado pola orixinalidade e o nivel de risas garantidas dos traballos escollidos pola organización, polo impresionante traballo do experto en efectos especiais Alberto Hortas e pola marabillosa experiencia de poder ver Nosferatu, unha sinfonía do horror musicalizada en directo por Caspervek Ensamble.

Pero iso non é todo o que tiña preparado o GFFF xa que para o último día gardaron tamén grandes filmes e concertos. A terceira xornada arrincará ás 19:00 co segundo bloque de curtas pensado para escachar da risa: Serán de Humor Freak Vol.2 que arrinca moi moi forte co disparate Justicia Justiciera III Kungfu Karate Annihilator, un traballo de Rafa Dengrá que aínda non é de culto pero ten moitas papeletas. Pero se o comezo é potente o peche cae en mans do ruso Sergey Vasiliev con Y ahí, él abre los ojos, demostrando que as fotos de Putin cabalgando osos non é o máis gracioso que pode chegar dende eses lares.

As risas non acabarán aí, xa que acto seguido arrincará un piar básico na esencia e na mesma alma do GFFF, o Frikismo do País, dúas propostas coma Terror na Batea de Diego López Curros e a longametraxe Los Amigos, La Pinícula de Omar Rabuñal Varela que deixan ben claro que o cine de serie b galego goza dunha saúde que para si quixera Conan o Bárbaro.

FESTA, FESTA E MÁIS FESTA

Ó rematar coas proxeccións, será o momento de despedirse da Sala Videodrome que este ano converteuse na irmá pequena da nave Nostromo, aquel cargueiro espacial que tivo a mala sorte de levar un robot a bordo un tanto repugnante, para subir un piso ata chegar ó Espacio Mahou en Progreso 41.

Primeiro entregaranse os premios ás mellores curtas, seleccionadas un ano máis co método imparcial e subxectivo que supón o aplausómetro. De seguido soarán Los Pontiaks, que farán o seu show cadavérico co mellor Hot Rod&Roll que se pode atopar neste lado do Río Danubio. E de sobremesa o fin de festa no que, coma en cada edición do Galician Freaky Film Festival, haberá leria ata fartarse.

Todo isto a prezos máis populares ca acabar cantando greatest hits de La Roda, 5 euros para os bloques de curtas, que tamén inclúe desfrutar das exposicións de Alberto Hortas e de Josef Méndez, e outros 5 euros para a entrega de premios, o concerto e máis a festa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.