A voz de Ovidi Tormo xunto ás notas despregadas polos músicos Álvaro Tormo, Adrián Ribes e Nacho Tamartir inauguraron este mércores a programación cultural do primeiro cuadrimestre na Universidade de Vigo. Los Zigarros, teloneiros o pasado mes de setembro en Barcelona dos Rolling Stones, encheron de rock and roll o Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria. As e os seguidores da banda que se deron cita onte no campus vigués, gozaron en directo do novo traballo do grupo valenciano A todo que sí,no que se mesturan diferentes estilos e xéneros e no que as letras optimistas cantan ao amor, ao desconsolo, ao humor e á vitalidade.
O grupo, que debutou no ano 2013 con un disco homónimo, tamén actuou como teloneiro de Fito y Fitipaldis na xira Huyendo conmigo de mí.
O 8 de novembro, cita co teatro de Ana Vallés
A programación cultural deste cuadrimestre continuará a súa andaina o próximo 8 de novembro coa obra de teatro O rei morre. O grupo encargado da súa representación é Sarabela Teatro, que achega unha nova linguaxe á obra orixinal de Eugène Ionesco Le Roi se muert. A montaxe está dirixida por Ana Vallés, que mestura a interpretación coa danza e as artes plásticas.
Noticias de última hora en Vigo