Luca Chao: “A nova Lei de Residuos perpetúa o desastre ambiental de SOGAMA”

O Grupo Común da Esquerda reuniuse cos principais axentes en defensa do medio ambiente de Galicia para traballar nas emendas a esta norma.
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Luca Chao: “A nova Lei de Residuos perpetúa o desastre ambiental de SOGAMA”

A voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, denunciou este mércores que a nova Lei de Residuos que pretende sacar adiante o goberno de Feijóo “perpetúa o desastre ambiental de SOGAMA”. Chao realizou estas declaracións con motivo da xuntanza que celebrou o Grupo cos principais axentes en defensa do medio ambiente de Galicia para traballar nas emendas a esta norma, “coa que o goberno de Núñez Feijoo pretende enmascarar o desastre da súa xestión en materia de residuos”.  Chao agradeceu a presenza dos colectivos Adega, Verdegaia, Greenpeace Galicia, Fridays For future, Amigas da Terra, Sociedade Galega de Historia Natural e das Plataformas veciñais afectadas en Touro, Ordes ou Casalonga, nunha reunión á que por parte do Grupo Común da Esquerda tamén asistiron o voceiro Antón Sánchez e os deputados Marcos Cal e Xan Xove.

“Esta é unha lei que se concibe para adaptar as directrices europeas en materia de xestión de residuos, que marcan para o 2020 obxectivos de reciclaxe do 50%, mentres que SOGAMA está a día de hoxe no 3%.  É unha lei baleira de contido real e unha burla á cidadanía galega”, criticou Chao. A voceira engadiu que “SOGAMA ten un negocio multimillonario para Naturgy, a quen lle sae moi a conta contaminar o que é de todos e todas. Temos un modelo de xestión de residuos centralizado en mans privadas que transporta o 90% dos residuos, coas consecuentes emisións que isto provoca”. Fronte a este modelo, o Grupo Común da Esquerda reclama un tratamento de residuos descentralizado e de proximidade, pero a Xunta esqueceu o principio de proximidade ao elaborar esta lei.

En concreto, o modelo actual, baseado na incineración, permítelle a Naturgy (propietaria do 49% de SOGAMA) obter inxentes beneficios a cambio de contaminar o aire de todas. Ademais, o modelo SOGAMA do PP está enchendo o país de vertedoiros, enterrando millóns de toneladas de lixo en ocos de canteiras como fixeron en Miramontes no concello de Santiago, en Touro, ou como pretenden facer na Casalonga en Teo. Fronte a isto, Luca Chao destacou que “imos seguir mantendo un diálogo fluído coa sociedade civil para reclamar un modelo de xestión de residuos público que coide do medio ambiente, e que desmonte a farsa da xestión de residuos do Partido Popular. Xa abonda de leis de propaganda que o único que fan é asegurar negocios privados a costa de contaminar o que é de toda a cidadanía”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.