Luca Chao: “A primeira obriga de Feijóo para o 2020 é entender que cos dereitos das mulleres non se negocia”

Publicado por o día 23/12/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política

Luca Chao: “A primeira obriga de Feijóo para o 2020 é entender que cos dereitos das mulleres non se negocia”

O Grupo Común da Esquerda fixo balance este luns do ano 2019 centrándose especialmente nas políticas de igualdade. A voceira Luca Chao, nun almorzo informativo xunto á deputada Paula Quinteiro, sinalou que “a primeira obriga de Feijóo para o 2020 é entender que cos dereitos das mulleres non se negocia nin se xoga, que nisto hai que posicionarse, ou coas mulleres, ou cos que negan os dereitos das mulleres, e dende logo tampouco se recorta”. Nesta liña, de cara ao próximo ano esixiu que a Xunta asume unha das mensaxes fundamentais que vén reiterando o Movemento Feminista: “menos discursos e máis recursos”. Segundo indicou Chao, este seguirá sendo “un tema prioritario para o noso grupo. Non nos cansaremos de dicilo: ou son para todas e para todos ou non son dereitos, e ou é con nós, con todas as mulleres, ou non é democracia”.

A continuación, Chao referiuse aos eidos no que o goberno do PP “cando se trata de recortar os nosos dereitos son sempre o primeiro”, comezando polo peche do paridoiro de Verín. “Temos que insistir e dicirlle ao señor Feijóo que se equivocou, que pecou de soberbia,  que as mulleres de Verín non van dar un paso atrás e que chega tarde na rectificación. Que o que ten que facer é primeiro recuperar o paridoiro xa, antes de que outra muller se vexa novamente nunha situación de violencia obstétrica coma a que vivimos hai dúas semanas coa separación abrupta dunha nai e o seu bebé, e segundo, cesar ao señor Almuiña do seu cargo. É unha esixencia democrática esencial. Cando un cargo público de tanta responsabilidade como é un conselleiro de sanidade é incapaz de resolver un conflito coma este, cando un día di unha cousa e outro a contraria, faltando ao respecto ás profesionais sanitarias, a todas as mulleres con esas declaración lamentables de que un parto non é un infarto, queda invalidado para tales funcións e o normal sería que marchara. E en terceiro lugar queremos dicirlle ao señor Feijóo que sigue debendo unha desculpa a todas as mulleres”, declarou.

Segundo indicou a voceira, “o peche do paridoiro non é algo excepcional, é un exemplo máis do plan do Partido Popular de ir desmantelando os nosos servizos. Estano facendo tamén cos centros de orientación familiar como vemos na Coruña. Primeiro precarizan o público, e logo aseguran o negocio para unhas poucas mans privadas”. Desta maneira, criticou que Feijóo nos recortes en sanidade “é todo un profesional”, algo que amosou na súa traxectoria e que vemos nos orzamentos que o PP aprobou a semana pasada e “consolidan un recorte de 217 millóns de euros en termos reais para a sanidade que teñen efectos claros, especialmente, como dicía, sobre as mulleres. Por iso e atreven a dicir cousas como que un paridoiro é unha comodidade. Non tal, señores do PP, é un dereito ao que non imos renunciar”, reivindicou.

Con respecto á igualdade no eido laboral, Chao apuntou que “a fenda salarial en Galicia é máis elevada que na media do Estado e a súa redución vai moi lenta. Por iso os informes falan de que necesitaríamos 615 anos para rematar con esta fenda”. Así, salientou que “a precariedade para as mulleres exténdese, faino no eido privado e no eido público, onde Feijóo é responsable directo da situación que padecen colectivos como os das enfermeiras en loita, que levan meses denunciando unha situación insostible de encadear contratos, ata centos de contratos dun só día”. A voceira concluíu que “sobran as excusas para votar en contra das nosas propostas cando piden compromisos certos, e este é un motivo fundamental para facer do 2019 o último ano que Feijóo remate como presidente da Xunta”.

Pola súa banda, Paula Quinteiro, fixo referencia á situación dos coidados, onde “vemos que dende a Xunta se lanzan titulares optimistas, pero que non se corresponden coa realidade, como as listas de agarda da dependencia en relación con outras comunidades. Non se poden lanzar este tipo de discursos. Parécenos unha ofensa para as persoas que levan agardando pola valoración da dependencia moito máis tempo do que marca a lexislación actual”. Así, incidiu en que “a única alternativa que lles queda para recibir os coidados é que recaia nos fogares, o que significa que recae nas mulleres de forma gratuita, ou que recaia en iniciativas privadas. A realidade destes dez anos de Feijóo é que non se creou unha sola praza 100% pública en ningunha residencia. Ademais, a axuda no fogar a Xunta debera asumir o compromiso da xestión porque é totalmente insuficiente”.

Quinteiro tamén afondou no ditame da comisión de igualdade aprobado a semana pasada, explicando que o Grupo Común da Esquerda optou pola abstención “porque a pesar de concordar co documento, non é suficiente. Hai moitas tarefas que quedan emprazadas para comezar xa con elas de cara ao posbile Pacto Galego Contra as Violencias Machistas. O fundamental virá agora, que será poñer medidas e orzamentos concretos, un calendario e unha avaliación real e rigorosa da actual lexislación en materia de igualdade. Vemos moitas contradiccións ente o que di o PP no marco desta comisión e o que despois leva adiante. Nós só aprobaremos compromisos reais econ datas concretas, senón todo quedará en medidas propagandísticas”.

Ademais, sinalou as contradiccións do PP, xa que “vemos que por unha parte están tratando de sacar adiante este Pacto Galego e á vez, están pactando coa extrema dereita que nega a existencia da violencia machista. Non é unha cuestión illada porque estas semanas vemos medidas que van en contra dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, como o peche do paridoiro de Verín, ou o desmantelamento dos centros de orientación familiar, mentres financian cada vez máis a colectivos antiabortistas como Red Madre. Defenden ou non defenden a igualdade? Non se poden manter estas contradiccións”. Desta maneira, afirmou que “seguimos tendo a man tendida para traballar, pero con cautela, porque as decisións que tomaron este ano están indo en contra das mulleres”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.