Luca Chao: “é de sentido común defender a estabilidade do naval e que se respecten as condicións de subrogación”

A deputada reuniuse esta mañá en Ferrol cos traballadores en folga das auxiliares de Navantia
Publicado por o día 01/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Luca Chao: “é de sentido común defender a estabilidade do naval e que se respecten as condicións de subrogación”

Os traballadores das auxiliares de Navantia ‘Indasa’ e ‘Tecman-Rayma’, que se encargan de labores de mantemento en varias instalacións do estaleiro, levan en folga desde mediados do pasado mes de setembro en protesta por despedimentos. Luca Chao reuniuse cos traballadores esta mañá, coincidindo coa anulación por parte de Indasa dos seis despidos que tiña previstos. “É un positivo logro dos traballadores que unha das empresas dese marcha atrás, pero a outra ten aínda nove traballadores despedidos e hai 49 persoas que temen pola viabilidade dos seus postos de traballo”, manifestou a deputada.

Tras a súa xuntanza cos traballadores e membros do Comité de Empresa, Chao recalcou que as súas reclamacións eran “cuestións de sentido común, como a estabilidade no emprego no sector naval e que se respecten as condicións de subrogación, que a empresa non está respectando”.

A deputada do Grupo Común da Esquerda tamén convidou ao presidente da Xunta a achegarse a Ferrol para coñecer de preto a situación dos traballadores: “aínda o venres, o señor Feijóo presumía de que o sector naval pasa por un bo momento. Sería interesante convidalo a vir a falar con estes traballadores, a ver cal é o ‘bo momento’ cando a xente ten medo de perder os seus postos de traballo”. “É urxente apoiar o sector naval porque del dependen moitos postos de traballo e é un sector chave para a nosa economía”, agregou Chao.