Luca Chao: “é inadmisible que a Xunta estea ausente sen dar explicacións sobre Barreras”

A voceira do Grupo Común da Esquerda e Paula Quinteiro reuníronse esta mañá co Comité de Empresa do estaleiro vigués
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

Luca Chao: “é inadmisible que a Xunta estea ausente sen dar explicacións sobre Barreras”

Luca Chao e Paula Quinteiro reuníronse esta mañá co Comité de Empresa de Barreras, ao que trasladaron o apoio do Grupo Común da Esquerda ante as varias semanas de incerteza e preocupación sobre o futuro do estaleiro.

Á xuntanza, na sede da UXT en Vigo, asistiron representantes dos tres sindicatos (CIG, CCOO e UXT), que coincidían en esixir á Administración, tanto galega como española, que garanta a carga de traballo no estaleiro. Os traballadores tamén lamentan a falta de transparencia por parte do Consello de Administración, que lles impide determinar cales serían a mellor solución de futuro e o mellor modelo de negocio para Barreras. “Non é de recibo que a información máis fiable se teña a través dos medios de comunicación, e é inadmisible que a Xunta estea ausente sen dar as explicacións pertinentes”, denunciou a voceira Luca Chao ao remate da xuntanza en declaracións aos medios de comunicación. “É rechamante que a primeira reunión oficial que vai ter o Goberno galego co Comité de Empresa sexa este xoves, cando vai máis dun mes desde que comezou a agravarse a situación” engadiu.

O Grupo Común da Esquerda preguntou xa ao Goberno polas actuacións a levar a cabo en Barreras en numerosas ocasións no Parlamento sen ter unha resposta clara. “Pensamos que o papel da Xunta ten que ser claro e unánime. O que pedimos é que se poña sen dubidar do lado dos traballadores. Ten que ser cómplice deles para buscar unha solución o máis rápida posible e deben aclarar que van facer para garantir os postos de traballo, a continuidade do estaleiro e os proxectos que hai neste momento enriba da mesa. Xa abonda de escusas”, expuxo. “Hai mil persoas da industria auxiliar que van á rúa, e cada minuto que se perde é un minuto de preocupación que pode implicar máis despedimentos”, lembrou finalmente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.